Pontevedra baseará no transporte a demanda a súa proposta para o transporte urbano
Por Alejandro Espiño
Utilizar os medios "axeitados" á demanda existente. Así será, segundo adiantou o goberno municipal, a súa proposta para o transporte urbano. O proxecto, no que xa traballan os técnicos do Concello, será presentado á Xunta de Galicia a próxima semana.
Pontevedra prevese inspirar no funcionamento das empresas VTC. César Mosquera explicou que a base deste plan de transporte estará no servizo a demanda. É dicir, os usuarios realizarían unha reserva previa a través dunha plataforma telefónica ou dixital.
Este sistema sería, en todo caso, para as parroquias do rural -non podería ser contratado no centro urbano- e en sitios nos que non opere a Xunta de Galicia con algunha liña interurbana ou onde "non teña sentido" facer o traxecto cara a Pontevedra en autobús.
Mosquera entende que hai puntos de orixe e destino no municipio por onde os autobuses "non pasan", onde crean un "problema serio" ou onde "non é funcional", polo que o Concello opta porque operen taxis ou vehículos de ata nove prazas, que permitirían cubrir "moito mellor" as necesidades dos usuarios.
"Non queremos autobuses dando voltas por pistas e sen xente", reiterou o edil do BNG, que explicou que o Concello prevé coordinarse coa Xunta de Galicia para "encaixar" este sistema coas actuais liñas interurbanas que chegan a Pontevedra "e non pisarnos", xa que se cada administración vai polo seu lado "vamos a acabar moi mal".
A este respecto, estúdase que este servizo estea xestionado por unha empresa privada a través dunha concesión, xa que Mosquera entende que o Concello "non sería capaz" de coordinalo a través dos servizos municipais.
Ademais deste transporte a demanda, sobre o que pivotaría este sistema, manteríanse os autobuses nas liñas nas que existe un "uso razoable" e hai un "número suficiente" de usuarios para que "funcione" como as que unen Pontevedra con Marín, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Vigo ou Santiago, que dependen da Xunta.
Con respecto ao centro urbano o Concello aposta pola continuidade do autobús a Monte Porreiro e asegura que se estudará a creación dalgunha liña que, en todo caso, non sería circular e estaría dentro do anel urbano que forman Estribela, o nó do Pino, San Amaro, Avenida de Lugo, Monte Porreiro, O Burgo e Médico Ballina.
O goberno municipal tamén negociará coa Xunta a maneira de coordinar o transporte ata o hospital Montecelo, pensando especialmente nunha ampliación que aumentará exponencialmente a asistencia de pacientes. Non se descarta a creación dunha liña específica entre o centro de Pontevedra e o complexo hospitalario.
Todo este traballo, segundo Mosquera, está coordinado por Santiago López Fontán, o responsable da xestión dos fondos europeos EDUSI -Bruxelas outorgou a Pontevedra 300.000 euros para redactar un estudo sobre o transporte urbano-. Contará co apoio, a través dunha asistencia técnica, do experto en mobilidade Fernando Nebot.
Relacionadas:
-
A senda verde entre parroquias e os locais para novos creadores na rúa Serra, proxectos previstos para 2020
Por Redacción |
-
A empresa do enxeñeiro Fernando Nebot encargarase do estudo técnico do transporte a demanda
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A nova normativa do taxi en Pontevedra regula o cobro por viaxeiro e tarifas planas para varios servizos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os taxistas, "moi interesados" no proxecto de transporte a demanda que estuda implantar o Concello
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Domínguez ve unha "chapuza" o plan de transporte do Concello: "Yo quiero autobuses por el rural"
Por Alejandro Espiño |
-
Mosquera anuncia un plan de transporte urbano "pioneiro e modélico" para Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O PP lamenta a "parálisis total" do Concello co transporte público
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra buscará "alternativas" para o bus urbano pero non aceptará "ameazas" da Xunta
Por Alejandro Espiño |