A APDR eleva o seu berro contra Ence ante a posible continuidade da pasteira en Lourizán
Por Diego Espiño
A posibilidade de que a concesión do Estado a Ence sexa prorrogada máis alá de 2018 coa reforma da Lei de Costas centrou a atención na manifestación anual contra a pastera convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR).
Como cada ano dúas marchas reivindicativas partiron simultáneamente das alamedas de Marín e Pontevedra para encontrarse ante a factoría de Lourizán, aínda que nesta ocasión no ambiente dos manifestantes se deixaban notar os últimos aconteciemientos que abren unha opción para a continuidade de Ence na súa actual situación.
Así o recoñecía o presidente da APDR, Antón Masa, minutos antes da saída, "este ano hai unha razón sobre todas as demais para facer esta marcha, que é que lle den unha prórroga a Ence na Ría de Pontevedra. Unha empresa que está condenada por delito ecolóxico, que sigue incumprindo a lexislación medioambiental e que está a impedir o desenvolvemento económico da comarca non merece para nada seguir na ría para seguir destrozando os recursos naturais, a calidade de vida e a saúde das persoas".
Aínda que a cifra de asistentes, como recoñeceu o propio Masa, se viu resentida polos partidos de Celta e Deportivo, a participación foi importante, segundo o voceiro da APDR, "é unha manifestación importante, como é importante que a sigamos facendo porque é evidente que a Ence lle doe que a fagamos, unha proba é que se atreven a sacar un manifesto que se chama 'manifesto en defensa da ría', pero todos os criterios que din para mellorar a ría só sepoden cumprir se Ence-Elnosa está fóra de Lourizán".
Despois da recente creación da Plataforma 2018, apoiada pordiversos colectivos sociais e agrupacións políticas, na marcha puidéronse ver numerosos rostros públicos. Entre eles, un anos máis, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se mostrou moi crítico coa Lei de Costas ante os medios de comunicación, "nos queremos unha ría saneada, para todos, con usos propios da ría e non queremos unha ubicación dunha fábrica que fai máis dano que ben, independentemente dos postos de traballo que xenere".