Os socialistas solicitan melloras para a rúa Santa Teresa de Jesús Jornet
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo municipal socialista e candidato do PSdeG á Alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández, vén de solicitar ao Concello a mellora da rúa Santa Teresa de Jesús Jornet.
O candidato socialista visitou a rúa acompañado dun grupo de veciños que lle foron trasladando as queixas e deficiencias dunha zona que sente abandonada nos últimos tempos.
"A periferia merece moito máis respecto", dixo Tino Fernández, que recoñece que a zona foi arranxada hai anos pero bota moito de menos as tarefas de mantemento e de mellora.
Os veciños da rúa quéixanse do mal estado no que se atopan os poucos contedores de lixo que hai, demandan a substitución das palmeiras mortas, piden melloras no mobiliario urbano e na iluminación ou o reordenamento do aparcadoiro na entrada da rúa e reclaman que a praza central, cuxa titularidade xurídica non está clara, se integre no patrimonio municipal.
"Os veciños dos barrios non están a pedir grandes investimentos, senón que se lles trate con respecto e présteselles máis atención", finalizou dicindo Tino Fernández.