O campo de fútbol de Moraña ampliarase cun ximnasio e unha cafetería
Por Redacción
Moraña impulsa un proxecto para a modernización integral do campo de fútbol de Mirallos, empregado actualmente polo Moraña CF. Esta ambiciosa actuación custaría 452.000 euros que, actualmente, xa se están xestionando con diferentes administracións.
O proxecto inclúe melloras nas bancadas e nos vestiarios, a construción dun edificio auxiliar con ximnasio e unha cafetería acristalada e un circuíto de footing arredor do terreo de xogo.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, mantivo este xoves unha xuntanza nestas instalacións con responsables técnicos e co presidente do club para analizar a futura remodelación.
En concreto, a reforma das bancadas permitirá reducir os chanzos e dotalas de máis volume para acadar unha maior sensación de estadio ao tempo que se habilitan 300 prazas cos seus correspondentes asentos. Ademais, os vestiarios tamén sufrirán unha importante reforma, xa que se modernizarán de xeito integral, cunha superficie de 156 metros cadrados.
Dotarase ademais ao campo dun novo sistema de rego con seis canóns emerxentes, rede de distribución, arquetas, un tanque soterrado con capacidade para 20.000 litros, grupo de presión e instalación eléctrica. Todo iso completarase coa urbanización das zonas anexas ás bancadas e ao acceso existente a través de soleiras de formigón e espazos axardinados.
Así mesmo, vaise construír un edificio auxiliar que disporá dun novo ximnasio municipal con 125 metros cadrados na planta baixa e unha cafetería acristalada, dende a que se poderán ver os encontros, no primeiro andar.
Finalmente, este proxecto completarase coa creación dun circuíto de footing en todo o perímetro deste complexo deportivo. Inicialmente procederase á limpeza e roza da contorna e a continuación executarase a pista cunha mestura de zahorra e terra compactada como soleira e unha cuberta de formigón pulido en cor. Esta senda disporá de tres carrís peonís.