Pontevedra presenta en Fitur unha oferta turística que sacia a "fame de experiencias"
Por Redacción
Con gran éxito a provincia de Pontevedra presentou a súa oferta turística no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se está a celebrar estes días en Madrid. Trátase de toda unha serie de propostas coas que os turistas poderán saciar a súa "fame de experiencias".
Ese é o espírito da campaña de promoción que a Deputación de Pontevedra estreou en Fitur. Foi cunha proposta que converteu o stand galego nun auténtico restaurante das Rías Baixas, conducido polos cociñeiros Pepe Solla e Javier Estévez e pola xefa de sala de Culler de Pau, Amaranta Rodríguez. A mestra de cerimonias foi a actriz Deborah Vukusic.
Entre todos, cun enfoque case teatral, presentaron en clave de humor a oferta que a provincia de Pontevedra ten no sector da enogastronomía.
Ao mesmo tempo, os protagonistas deron paso a dous vídeos: o primeiro, o arranque da campaña Fame de experiencias, e o segundo, a modo de chamada do instagramer Víctor Machbell, para presentar todos os atractivos enogastronómicos de Pontevedra.
Durante esta presentación, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que a provincia conta cunha paisaxe "incrible", cunha natureza "que non ten cualificativos", viños "que dan alegría" e unha gastronomía "que se pode comparar coa mellor do mundo".
Con todo, Silva engadiu que "o mellor que temos son as nosas xentes" que son as que, ao seu xuízo, "conseguen que sexamos únicas e únicos".
Así se recolle na campaña Fame de experiencias, que conta cunha peza audiovisual que combina paisaxes de mar e de montaña e rende homenaxe á xente do sector da enogastronomía e os "pequenos detalles" que conducen á "grandeza" da provincia.
A campaña tamén pon o acento na sustentabilidade, na importancia de conservar a contorna para que os visitantes poidan gozar da provincia de Pontevedra.
En canto ao vídeo do instagramer Víctor Machbell, a modo de chamada en directo, amosáronse desde produtos gastronómicos como o marisco, a lamprea, as ostras, os mexillóns, o viño e o cocido, ata escenarios como a fervenza do Toxa en Silleda, lugares de Lalín, O Rosal, Arbo, A Guarda, a enseada de San Simón e a Ría de Vigo, O Grove e Cambados.
Ademais, houbo unha mención concreta no seu vídeo a festas gastronómicas como o Cocido de Lalín, a Lamprea de Arbo, a festa do Albariño de Cambados e a do Marisco do Grove.
O acto rematou coa entrega a todos os asistentes da caixa-agasallo coas doce propostas para saciar a "fame de experiencias", que inclúe doce experiencias para vivir de xaneiro a decembro nos diferentes municipios que forman a provincia de Pontevedra.
Así, propón en xaneiro a visita ao Castelo de Sobroso en Ponteareas, incluíndo tres chocolatinas; en febreiro a Festa do Cocido de Lalín, cun pin da festa de agasallo; para marzo presenta a Festa do Requeixo e do Mel das Neves, cun tarro de mel multifloral do Condado-Paradanta; e en abril propón a Festa da Lamprea de Arbo e inclúe un código QR cun agasallo.
En maio suxire a Ruta das Maceiras en Flor na Estrada, cun código QR con outro agasallo; en xuño presenta as sardiñadas de San Xoán e achega unha conserva de sardiñas; en xullo propón o Vigo Seafest e o Showrocking de PortAmérica, cun código QR; en agosto vai a Festa do Albariño cunhas pastas de viño Albariño; e en setembro inclúe un código QR para participar nunha cea nalgún dos restaurantes do grupo Nove.
Por último, en outubro propón a Festa do Marisco do Grove cun paté de centola; en novembro vivir algún magosto nas Rías Baixas, agasallando un paté de ostra con castaña; e para decembro brindar cun viño espumoso como os de Salvaterra do Miño, incluíndo un código QR cun agasallo.
Relacionadas:
-
Doce novas rutas tematizadas para dar a coñecer a provincia
Por Almu Dapena & Victoria Regueira |
-
A campaña turística "Fame de experiencias" chega ao mobiliario urbano de Madrid
Por Oskar Viéitez |
-
Galicia, ante o reto de prepararse para as "oportunidades" turísticas do AVE e o Xacobeo 2021
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra é a provincia galega con máis Q de calidade turística
Por Redacción |
-
"Fame de experiencias" é a campaña de promoción turística da Deputación en 2019
Por Redacción |