A Festa da Troita de Ponte Caldelas adianta o seu calendario para esquivar as eleccións municipais
Por Oskar Viéitez
A 53 edición da Festa da Troita madrugará este ano para evitar a coincidencia da cita gastronómica máis típica de Ponte Caldelas coa xornada de votación das próximas eleccións municipais. Así a cita pasa ao 17 e 18 de maio e a rolda de paradas polos pobos do rural (o "maio troiteiro") adianta o seu comezo a mediados do mes de marzo. A decisión foi criticada polo Partido Popular.
Os detalles foron pechados na xuntanza celebrada esta semana entre o alcalde, Andrés Díaz, e o presidente da Asociación de Amigos da Troita, Enrique Lafuente. A entidade, que colabora na organización deste evento, asinou un convenio co Concello.
O goberno local mantén o mesmo esquema da festa aproveitando así o éxito colleitado nos tres anos dende que se estendeu ao rural. De feito, neste ano son 26 paradas (unha máis que ata o de agora) ao incorporarse o lugar da Fraga por petición da veciñanza.
A día de hoxe véndese máis ou menos a mesma cantidade de peixe no "maio troiteiro" polos 26 pobos do rural que na festa propiamente dita no centro urbano na última fin de semana de maio (este ano unha semana antes). En ámbolos dous casos consúmese en torno a 1.500 racións de produto.
A Festa da Troita polo rural converteuse, nos tres anos que leva celebrándose, nun elemento de convivencia entre os veciños das diferentes parroquias, ademais dunha data para o encontro da veciñanza. As noites de troita xuntan invariablemente a varios centos de persoas, aínda que a cifra varía moito dun lugar a outro.
Unha vez degustado o peixe, que se serve fritido ou en escabeche, ao prezo de 3 euros incluídos pan e viño, a veciñanza achega doces caseiros ou licor café e a festa continúa ata ben pasada a media noite, especialmente nas fins de semana. A animación musical adoita non faltar.
O dispositivo gastronómico itinerante, único en toda Galicia, é posible gracias á colaboración altruísta da Asociación de Amigos da Troita, un grupo de cociñeiros comandado por Enrique Lafuente e do que forman parte José Antonio Rocha, Lino Mariño, Alejandro Rocha, Dolores Padín, Sandra Gil, José Manuel Corbacho e José Luis Reimúndez.
CRÍTICAS DO PP
O Partido Popular acusou ao alcalde Andrés Díaz de querer politizar a Festa da Troita ao adiantar a súa celebración "en lugar de pasala para o mes de xuño para que non coincida coa campaña electoral".
Os populares cren que fixou a data do 18 e 19 de maio, unha semana antes dos comicios, para utilizala como "traca final" do seu mandato.
O PP lembra que para evitar a utilización desta festa gastronómica con fins partidistas e electoralistas, os gobernos anteriores postergaban a súa celebración ao mes de xuño.