O colexio de Seixo organiza a carreira solidaria 'Corre con Arnaldo' para recoller cacao en pó
Por Redacción
Este mércores 30 de xaneiro vai celebrarse a primeira Carreira Solidaria 'Corre con Arnaldo'. Trátase dunha iniciativa organizada polo colexio de Seixo de Marín con motivo da celebración do Día da Paz e que conta con Arnaldo, a mascota do cole como representante desta actividade.
Esta proposta deportiva pretende recoller cacao en pó para despois doalo ás asociacións do Concello de Marín, Amenac Marín e Cáritas San Tomé, co obxectivo de que os menores de familias desfavorecidas conten con este produto nos seus almorzos e ceas.
Trátase dunha carreira simbólica que se vai desenvolver nas pistas deportivas do colexio e os escolares que participen terán que levar un bote ou unha bolsa deste produto. A cambio desta doazón se lles entregará un dorsal para participar na carreira. A inscrición tamén está aberta a familiares.
En caso de chuvia, esta actividade quedará adiada a outra data. Na organización participa o Club de Atletismo San Miguel de Marín.