Cabo Udra terá o seu propio parque forestal
Por Redacción
O Concello de Bueu, en colaboración coa comunidade de montes de Beluso, van a crear un parque forestal en Cabo Udra. Esta actuación forma parte do programa de mellora dos montes que financia a Deputación de Pontevedra.
O pasado ano o Concello solicitara a subvención para a redacción do proxecto e nesta convocatoria levarase a cabo a primeira fase da execución do mesmo, cuxo orzamento ascende a 55.558,67 euros.
O obxectivo é que este espazo sexa de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que, segundo o goberno municipal, merecen ser promocionados e conservados.
O proxecto farase en dúas anualidades e inclúe a mellora e restauración dos valores naturais e forestais coa conservación da masa forestal e do mato atlántico e a diversificación de usos mediante recuperación de pasteiros naturais.
En materia de prevención e defensa contra incendios forestais crearase unha área de defensa verde para a protección de zonas edificadas de uso residencial e na Aula da Natureza de Cabo Udra e un control selectivo do mato nas zonas de maior tránsito e uso público.
A actuación permitirá a posta en valor dos elementos patrimoniais, culturais e paisaxísticos, a revitalización de elementos sociais e zonas de uso público cunha rede de sendeiros e a mellora de mananciais ou a mellora de sinalización e interpretación dos valores do parque forestal con paneis informativos e unha mesa panorámica no miradoiro.
Relacionadas:
-
O campamento de Cabo Udra divide á corporación municipal de Bueu
Por Redacción |
-
Oito municipios da área de Pontevedra reciben axudas para acondicionar parques forestais
Por Redacción |
-
A Deputación impulsa o parque forestal de Antas
Por Redacción |
-
Bueu renova a sinalización dos recursos turísticos do municipio
Por Redacción |
-
Cabo Udra, de aula da natureza a sala de cinema
Por Redacción |