A Deputación levará o seu modelo de mobilidade amable a Málaga e Fuerteventura
Por Oskar Viéitez
A Deputación exporá de novo o seu traballo o vindeiro mes de febreiro en dous encontros estatais aos que acudirán centos de concellos. "Todos estas chamadas para participar en encontros e explicar o noso modelo son un recoñecemento ao traballo feito", subliñou o vicepresidente César Mosquera.
A Dirección Xeral de Tráfico e a FEMP manifestaron o seu interese en que a Deputación participe no V Encontro de cidades baixo o lema "Cara a unha nova mobilidade urbana", e o Cabildo de Fuerteventura solicitou a presenza do vicepresidente César Mosquera nunha xornada formativa co gallo do IV Encontro español de Cidades dos Nenos e as Nenas.
O deputado Uxío Benítez, foi invitado ao encontro de cidades de Málaga dos días 6 e 7 de febreiro onde falará da Estratexia de Mobilidade 3.0: o espazo público para as persoas. Tamén estarán presentes no encontro representantes dos concellos de Madrid, Barcelona, Avilés ou Sevilla, así como da Deputación de Barcelona e da Deputación Foral de Gipúscoa, entre outros.
FUERTEVENTURA
A segunda cita na que haberá representación da Deputación será na xornada de formación básica do proxecto internacional Cidade dos Nenos e das Nenas do pedagogo Francesco Tonucci, que se celebrará os días 12 e 13 de febreiro en Fuerteventura, e de maneira previa ao IV Encontro español de cidades adheridas á rede.
O vicepresidente Mosquera, xunto co asesor provincial de Mobilidade Jesús Fole, exporán o cambio producido na cidade de Pontevedra e como esa filosofía se está a estender da man da Deputación ao resto da provincia. Tamén participarán nunha recepción oficial do Cabildo de Fuerteventura, así como en diferentes actividades programadas polo goberno canario.
Ademais, os representantes da Deputación, como xa se fixera en exercicios anteriores, viaxarán ata Fuerteventura cunha delegación dunha ducia de concellos pontevedreses membros da "rede Tonucci" (Tomiño, O Grove, Ponteareas, Ribadumia, Lalín, Vilaboa, A Guarda, Cangas, Cambados, Salceda de Caselas, Vilagarcía e Pontevedra) para participar no encontro anual estatal.
A Deputación de Pontevedra fará unha proposta para ser a sede organizativa de toda a rede estatal de cidades, que será debatida xunto con outras formuladas polo resto dos integrantes e aprobada en asemblea.
Por outra banda, o vicepresidente Mosquera sinalou que o Colexio de Enxeñeiros de Madrid organizará de xeito inminente en Madrid un curso de formación para asociados baseado na Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable da Deputación e tamén no manual do Concello de Pontevedra redactado por Fernando Nebot.