O Concello e a Xunta 'non se entenden' tras a reunión técnica do transporte público
Por Oskar Viéitez
O encontro técnico entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia para falar do transporte público no municipio, celebrado este martes en Santiago, tivo unhas valoracións políticas ben dispares.
Así, segundo informou o concelleiro de Mobilidade Demetrio Gómez, o goberno local de Pontevedra amosouse "agradablemente sorprendido" por esta xuntanza "construtiva e rigorosa" da que concluíu que "Pontevedra vai a ter un transporte a demanda punteiro".
A versión dos técnicos municipais trasladada polo concelleiro nacionalista indica que na reunión abordáronse, fundamentalmente, dous asuntos: o transporte a demanda e o transporte regular colectivo por estrada (de autobuses).
Ao respecto do primeiro, o Concello acordou iniciar o proceso para elaborar un proxecto de explotación deste tipo de transporte a demanda en Pontevedra, que terá que remitir á Xunta de Galicia "para ir véndoo paso a paso" e cando todos os interrogantes estean pechados, envialo definitivamente á Xunta para a súa aprobación, xa que é competencia autonómica.
Demetrio Gómez explicou que nestes momentos o Concello está á espera de que a Xunta de Galicia saque a exposición as liñas de transporte que ten previsto para cruzar o Concello de Pontevedra. Unha vez que se coñeza ese plan de explotación, o Concello fará as súas achegas xa que o obxectivo é aproveitar as liñas de transporte dentro do municipio, evitando a duplicidade de operadores.
Pola súa banda, a Consellería de Infraestruturas, a través de nota de prensa, sinala que a xuntanza celebrada este martes entre os técnicos do Concello e da Dirección xeral de Mobilidade "supuxo a confirmación da ausencia dun plan na administración local" para asumir esta obriga coincidindo coa caducidade das concesións da Xunta.
De novo, o goberno galego lembra que o Concello de Pontevedra ten a obriga legal de prestar un servizo de transporte urbano que garanta a mobilidade dos veciños e o seu acceso aos servizos públicos.
A Xunta afirma que o Concello "limítase agora a presentar unha proposta de estudo para o transporte baixo demanda no rural" mentras "mantén bloqueada a posta en marcha do plan de transporte metropolitano que demandan todos os municipios da comarca".
O concelleiro Demetrio Gómez rematou dicindo que os contidos da reunión que lle transmitiron os técnicos municipais "coinciden co que falou o alcalde de Pontevedra co presidente da Xunta" polo que afirmou que a conselleira Ethel Vázquez "parece que ten algun problema para entender isto" xa que "non é a primeira vez que nos encontramos cunha actitude que non coincide coa do presidente da Xunta".
Por iso, rematou pedindo "que se poñan de acordo entre eles".
Relacionadas:
-
A Xunta cita ao Concello o martes en Santiago para falar sobre o transporte público
Por Redacción |
-
Un informe municipal alerta das "carencias" do Plan de Transporte da Xunta, que mete buses por zonas peonís
Por Natalia Puga |
-
A Xunta esixirá que Pontevedra pague o bus a Monte Porreiro e os tramos urbanos do resto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Xunta non ve "desenvolvida" a proposta de Pontevedra para o transporte a demanda
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Os taxistas, "moi interesados" no proxecto de transporte a demanda que estuda implantar o Concello
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Domínguez ve unha "chapuza" o plan de transporte do Concello: "Yo quiero autobuses por el rural"
Por Alejandro Espiño |
-
Mosquera anuncia un plan de transporte urbano "pioneiro e modélico" para Pontevedra
Por Alejandro Espiño |