A pista polideportiva de Verducido levará o nome de Luís Manuel Sobrado González
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, visitou as obras de reforma da pista polideportiva de Verducido e anunciou o interese do equipo de goberno de aproveitar a inauguración destas obras para impoñerlle a estas instalacións o nome de Pista Polideportiva Luís Manuel Sobrado González en homenaxe a este mozo falecido nun tráxico accidente de estrada.
O investimento afrontado polo Concello da Lama na pista polideportiva supoñerá un desembolso económico duns 80.000 euros e permitirá aos veciños da parroquia de Verducido mellorar o acceso á práctica deportiva xa que se recuperará o vello e abandonado vestiario existente e poñerase en funcionamento con duchas de auga quente.
Así mesmo, o proxecto que se está executando polo Concello contempla o peche perimetral da pista polideportiva cunha rede de gran altura, a humanización da contorna e a mellora do parque infantil e o biosaudable existente no lugar.
Jorge Canda manifestou que a iniciativa de impoñer o nome de Luís Manuel Sobrado González xurdiu dos propios veciños e "vén a signficar un recoñecemento a unha persoa que morreu xoven, nun accidente de tráfico, e que sempre estivo ligado ao mundo do deporte e a favorecer a convivencia veciñal polo que a súa perda representa un baleiro importante entre aquelas persoas que o coñeceron, sobre todo a través da práctica deportiva, unha das súas principais paixóns".
O Concello da Lama instalará, cando finalicen as obras, unha placa conmemorativa na que figure o nome da Pista Polideportiva Luís Manuel Sobrado González e un recoñecemento do mundo deportivo lamense a este mozo falecido.