AJE Pontevedra pide peaxe gratuíta para o sector empresarial, que axude a activar o polígono de Barro-Meis
Por Anxo Lourido
A Asociación de Novos Empresarios de Pontevedra (AJE) celebra este 2019 o seu 30 aniversario. O seu presidente Pablo Fernández facía balance este xoves dos resultados deste colectivo durante o último ano e anunciaba as iniciativas que queren acometer nos vindeiros meses.
Neste sentido anunciou que está previstas a ampliación da sede de Vilagarcía de Arousa e a posta en marcha do Espazo emprendador nas instalacións no Porto de Marín, que contará cunha zona showcooking. Este ano está previsto que se incremente o número de actividades, Entre elas, este xoves 7 de febreiro, a partir das 19.30 horas, vai ofrecerse unha xornada de asesoramento de subvencións para Pymes. A intención deste colectivo é chegar a máis zonas dentro da comarca de Pontevedra.
Precisamente, Fernández explicaba que é necesario que Pontevedra se abra a súa contorna co obxectivo de fomentar outro tipo de emprendemento, superando o do sector servizos. "No podemos ser una ciudad del sector servicio", sinalou lamentando que o peso desta fonte económica pesa demasiado en Pontevedra cando, cada vez máis, o comercio está afectado polos servizos online.
Por este motivo, o presidente de AJE invitaba a facer unha reflexión aos representantes políticos para que se busquen áreas que conten con opcións no mercado actual como a loxística ou mesmo o deporte. Fixo referencia a que un Plan Xeral de ordenación Municipal axudaría a crear máis hoteis no concello pontevedrés, unha das principais demandas cando se organizan grandes eventos deportivos.
Explicaba que Pontevedra perdeu nos últimos anos o seu papel como referente comercial de toda a área próxima. Isto, ao seu entender, ven determinado porque a población da contorna do Deza foi derivada a Santiago para a atención sanitaria, restando presenza de visitantes desa zona á capital e pola falta de fórmulas de transporte urbano que compensen a esas persoas de comarcas achegarse ata Pontevedra.
Desde AJE tamén reclaman solucións no ámbito da rede de comunicacións coa supresión da peaxe para o sector empresarial que queira acceder ao polígono de Barro-Meis. Pablo Fernández preguntábase por que non se traballa nesa idea de conectar á cidade cun polígono industrial tan próximo.
Tamén insistía na necesidade de modernizar o comercio pontevedrés e como exemplo da pouca adaptación ás novas tecnoloxías referíase aos establecementos de Pontevedra que non están xeolocalizados e, desta forma, perden venda en relación cos peregrinos que realizan o Camiño Portugués a Santiago. Neste sentido, pedía o apoio desde o Concello, con quen afirmou que a asociación mantén moi boa relación, para que lidere unha proposta que axude aos comerciantes a ter unha mellor presenza en internet.
En relación co funcionamiento de AJE Pontevedra durante os últimos meses, o presidente amosábase satisfeito polo incremento do 16,6% no número de empresas asociadas, a maioría de construción e tamén de servizos de consumo.