Multan con 2.000 euros o avogado de Sito Miñanco por 'vapear' no xuízo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Usar un cigarro electrónico no interior dun xulgado ten un alto custo: 2.000 euros. É a multa que impuxo a Audiencia de Pontevedra a Gonzalo Boye, avogado do narcotraficante Sito Miñanco, por 'vapear' na sala durante o xuízo por branqueo de capitais que se celebrou o pasado mes de novembro.
O presidente da sección segunda da Audiencia explica na resolución que na sala de vistas percibiuse un cheiro "a tabaco, nicotina ou similar" e que, seguidamente, o letrado foi sorprendido levando a man dereita á boca.
A continuación, sinala o maxistrado, "da súa boca ou nariz ou por ambos", saíu fume ou vapor.
A sentenza cualifica esa conduta de "irrespectuosa e desconsiderada".
Este comportamento "irreverente" na audiencia pública dun tribunal é, segundo a resolución, "inaudito e asombroso" e xustificaba a incoación dun expediente sancionador.
A Audiencia rexeita as alegacións do avogado, quen asegurou que levaba máis de cinco anos sen fumar e que o cheiro a tabaco podería provir de calquera outra persoa.
Engade o maxistrado da Audiencia de Pontevedra que o letrado foi " irrespetuoso e desconsiderado" con todos os presentes no xuízo pero, ademais, lembra que esta conduta está prohibida "expresamente" pola lexislación vixente.
A resolución tamén foi notificada ao Ilustre Colexio de Avogados de Madrid para a posible constancia da multa no seu expediente persoal.
Relacionadas:
-
Negan a liberdade a Sito Miñanco ao apreciar risco de fuga a pesar do estado de alarma
Por Redacción |
-
Rexistran o domicilio do avogado de Sito Miñanco nunha operación contra o branqueo de diñeiro do narcotráfico
Por Oskar Viéitez |
-
Expedientan ao avogado de Sito Miñanco por fumar durante o xuízo
Por Oskar Viéitez |