Proxectan a conversión de antiga cámara agraria de Alende en centro social
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de recibir o proxecto básico e de execución para a rehabilitación integral do histórico edificio da antiga cámara agraria de Alende, na parroquia de Santa Xusta, e a súa posterior conversión nun centro social grazas a un investimento de 200.000 euros da Xunta.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, explicou que, tras xestionar o financiamento coa Consellería de Política Social e recibir o proxecto, os seguintes pasos serán manter unha xuntanza informativa coa veciñanza, que se producirá en vindeiras datas, e proceder á licitación das obras para a súa realización neste mesmo ano.
Este inmoble servirá para acoller as actividades e reunións desta zona, pero con especial atención no desenvolvemento das iniciativas sociais e da terceira idade, como eventos de envellecemento activo, encontros interxeracionais con participación da mocidade, accións de promoción da autonomía persoal ou actividades de prevención da dependencia, entre outras.
O edificio, que mantén na actualidade unha potente estrutura en pedra do país e conta con 217 metros cadrados de planta, vaise restaurar de xeito integral ao tempo que se habilitan distintas estancias no seu interior a través dunha actuación que respectará a fisonomía do inmoble.
Así, dotarase dun amplo hall de acceso, almacén, despacho, dous aseos e unha sala xeral cunha superficie de 130 metros cadrados.
Ademais, e tal como se soe facer nos edificios públicos de Moraña para manter as liñas tradicionais da construción de Galicia, deixarase a súa parte máis elevada ao aire sostida por grandes vigas de madeira de abeto.
Esta solución xa se aplicou, cunha indubidable beleza estética, na Casa da Cultura ou na antiga escola de Santa Xusta, e no caso do futuro centro social de Alende lucirá grazas a súa altura máxima de case sete metros.