Case corenta pontevedreses que viviron o horror dos campos nazis buscan o seu oco na historia
Por Alejandro Espiño
Polo menos 38 pontevedreses viviron nas súas carnes o horror dos campos de concentración nazis. Son os casos que están documentados. A maior parte deles, abandonados e repudiados pola ditadura franquista, non lograron saír de alí con vida e os que o fixeron -catorce- xamais puideron curar as súas cicatrices físicas e, sobre todo, emocionais.
Agora, un proxecto da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en Galicia pretende renderlles recordo, recoñecemento e homenaxe. A investigadora María Torres está a levar a cabo a procura de documentación dos deportados da provincia de Pontevedra, co propósito de sacar á luz as historias persoais destas vítimas esquecidas do Holocausto que, o franquismo primeiro e a democracia despois, enterrou nas sombras.
A través da páxina web http://www.buscameenelciclodelavida.com e do correo electrónico deportadosgalicia@gmail.com, fixeron un chamamento para localizar aos descendentes dos pontevedreses que foron enviados aos campos nazis de Mauthausen, Buchenwald, Neuengamme ou Sachsenhausen para recompilar estas historias.
María Torres, entrevistada por PontevedraViva, explicou que este traballo de investigación comezou hai uns tres anos coa busca de trece deportados vigueses.
Recoñece que non está a ser fácil reconstruír a historia destes pontevedreses porque a maioría das súas familias "nin sequera saben que acabaron neses campos de concentración", polas circunstancias "especiais" que viviu Galicia durante a guerra civil, que fixo que o golpe de estado "lles pillara fóra" ou que foran obrigados a enrolarse no exército franquista.
"Gran parte das familias teñen na súa memoria que desapareceron durante a guerra e non saben onde acabaron nin cal foi o seu destino", asegura esta investigadora. A maior parte deles, dados por mortos polos seus achegados, desertara ao exército republicano e, tras o fin do conflito bélico, elixiáronse a Francia e foron arrestados polas hostes nazis.
Así, Torres lamenta que estea a ser "moi difícil" localizar a familiares que saiban "algo sobre o periplo destas persoas" para poder reconstruír as súas vidas. A iso súmase o arduo traballo de consultar infinidade de arquivos e documentos históricos, especialmente en Francia, Alemaña e Estados Unidos para tentar saber que foi das súas vidas tras o exilio. En España pódese acceder a documentación da súa participación na guerra de 1936, pero os arquivos relativos á II Guerra Mundial están clasificados.
Nos casos documentados, segundo María Torres, "non hai un denominador común" e os deportados aos campos nazis teñen historias "moi diversas". Algúns deles, engade, nin sequera tiñan afiliación política ou sindical, pero contrarios ao golpe de estado de 1936, decidiron fuxir de España por medo ás represalias da ditadura.
Foi o caso, entre outros, de Marcelino Vila Álvarez, un mariñeiro do Grove que fuxiu nun barco atuneiro ata Bretaña; do vigués Ricardo Rodríguez alias 'Meana', un futbolista que ía participar na Olimpíada Popular de Barcelona, suspendida tras o inicio da contenda, e que decidiu alistarse no exército republicano; ou de Manuel Pérez Taboada, natural de Xeve e xastre de profesión.
Manuel Coto Martínez e Urbano Sanmartín Abilleira, de Marcón e Mourente respectivamente, foron outros dos deportados a campos nazis, no seu caso a Mauthausen, onde coincidiron co aprendiz de aeronáutica Macario Cortegoso Rodríguez, con Antonio Gómez Torres e co fogoneiro Claudio Tizón Vázquez, os tres da cidade de Pontevedra.
Os que foron liberados tras a caída da Alemaña nazi, catorce segundo os documentos oficiais, eran apátridas porque España "non os recoñecía"
Todos eles acabaron, por un ou outro motivo, en mans do exército nazi. Cando Alemaña preguntou ao réxime de Franco -que se mantivo na II Guerra Mundial nunha falsa neutralidade- que facía cos españois que estaban nos campos de prisioneiros de guerra, a resposta foi clara. "Dixéronlles que fóra de España non había españois", asegura Torres, o que basicamente significaba que "podían facer con eles o que quixesen".
Os primeiros pontevedreses chegaron aos campos de concentración en agosto de 1940. Algúns tardaron pouco tempo en sucumbir a un sufrimento inhumano -catro deles mesmo foron exterminados no castelo de Hartheim, un centro de "eutanasia", tras sufrir experimentos médicos-, e outros aguantaron case ata o final da guerra.
Os que foron liberados tras a caída da Alemaña nazi, catorce segundo os documentos oficiais, eran apátridas porque España "non os recoñecía". Acabaron asentándose en Francia e, os que puideron, non volveron a España ata a morte de Franco. Case ningún relatou os horrores que viviran. "Moitos sentíanse culpables por sobrevivir", explica María Torres.
Esta investigadora, ademais de dar a coñecer as súas historias, espera que este traballo sirva para que os respectivos concellos das vítimas "fáganlles unha homenaxe" e reúnan os seus familiares. "Sería un xusto recoñecemento", asegura a autora do estudo.