Satisfacción no goberno local de Cuntis pola aprobación dos orzamentos municipais
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cuntis aprobou este xoves en sesión plenaria os orzamentos xerais para este ano que ascenden a 3.382.969 euros, o que supón un incremento de 158.116 euros, un 4,9% máis que o exercicio anterior.
As contas municipais saíron adiante cos votos a favor dos membros do goberno PSOE e BNG. Pola súa banda os concelleiros do PP e de Veciñanza abstivéronse. Nas negociacións establecidas polo grupo de goberno coa oposición os populares non presentaron emendas, ao contrario que Veciñanza. Algunhas delas foron aprobadas parcialmente.
O alcalde, Manuel Campos Velay, considera de "vital importancia" a aprobación destes orzamentos cos que "en Cuntis está a demostrarse que temos outra forma de gobernar levando a cabo iniciativas novas para a veciñanza e traballando en tempo e forma".
O grupo de goberno considera "moi positivo" para o funcionamento municipal a aprobación deste documento que reflicte un "cambio na organización do Concello" seguindo os criterios técnicos.
Destacan que as partidas orzamentarias demostran un "claro carácter social" con axudas á natalidade, á promoción da igualdade, á conciliación familiar co programa Cuntilin, o programa de atención temperá, os proxectos de emprego, os de formación e xestión no cultivo da castaña, así como iniciativas para que asentar poboación no rural de Cuntis.
O goberno local sinala que tamén se dotou unha partida orzamentaria para seguir arranxando as escolas unitarias no rural e o Centro Patelas, así como unha reserva de fondos para a apertura do centro de día.
Ademais incrementouse o orzamento na área de turismo "un ano máis" e reservouse unha cantidade complemantaria para as obras no polígono da Ran.