A Subdelegación do Goberno en Pontevedra súmase a tres campañas contra o "machismo repulsivo"
Por Redacción
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra sumouse este venres a tres novas campañas impulsadas pola Vicepresidencia do Goberno de España contra a trata de mulleres, a violencia sexual e a violencia de xénero entre xente nova. A subdelegada, Maica Larriba, aportou o seu gran de area cunha colocación simultánea de carteis nas dependencias da Subdelegación e no resto de organismos dependentes.
Segundo informou a Subdelegación do Goberno, con estas novas campañas búscase facer un chamamento á implicación da cidadanía contra "tres horrores aos que hai que poñer fin xa" e aos que se debe facer fronte desde dous ámbitos: a educación e o rexeitamento social.
"Temos que acabar con ese machismo repulsivo que aínda lamentamos demasiadas veces con sucesos lamentables ou con actitudes repugnantes no día a día", destacou a subdelegada.
A primeira das campañas planta cara á trata con dous obxectivos principais: desincentivar a demanda de prostitución e que a cidadanía tome conciencia das condicións infrahumanas ás que están sometidas mulleres e nenas. Co lema 'Non Trates coa explotación sexual', busca que a sociedade actúe, que denuncie para axudar a liberar ás mulleres e que non xustifique un delito que atenta contra os dereitos humanos.
"Non pode ser que o que para alguén é pracer, para quen o sofre sexa un pesadelo, unha forma de escravitude moderna", opina Larriba, que engade que a iniciativa esixe que ninguén máis sexa cómplice dunha forma de malos tratos e opresión totalmente inadmisible.
A segunda campaña enfróntase á violencia sexual co fin de lograr o rexeitamento de toda a sociedade aos comportamentos que atentan contra a liberdade sexual das mulleres. Baixo o lema 'Contra a violencia sexual somos unha', quere involucrar a toda a sociedade para que se posicione en contra de calquera tipo de agresión ou abuso.
A última campaña, que nace co nome 'O amor non é control', está centrada en acabar coa violencia de xénero entre os mozos. Busca aclarar que algúns actos que ven normais nalgunhas relacións entre xente nova son formas de violencia sobre a muller e quere concienciar á mocidade de que comportamentos son inasumibles para poñerlles fin.
As iniciativas están enmarcadas nos acordos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e todas inclúen un cartel principal e un vídeo curto que debulla os padecimientos das vítimas destes tres males. Os materiais estarán a disposición dos centros educativos e asociacións que queiran utilizalos como material pedagóxico e de sensibilización e prevención.
Relacionadas:
-
RADIO.- Maica Larriba: "O Villa de Pitanxo foi horrible; eu nunca vin tan de preto a dor e a desesperación"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
O custo da violencia de xénero na provincia: 470 millóns de euros ao ano
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Nas súas mans está un futuro de igualdade
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |