Sanxenxo proxecta unha pista de skate e parkour en Portonovo
Por Redacción
Uns 170.000 euros. É o investimento aproximado que prevé realizar o Concello de Sanxenxo para dotar ao municipio dunha pista de skate e parkour, dúas disciplinas dos denominados deportes urbanos que contan cada día con máis adeptos.
Para estas instalacións o goberno municipal pensou en Portonovo. En concreto, a idea é situar esta futura pista nas inmediacións do río Baltar, un lugar no que hai espazo suficiente para ela, uns 1.300 metros cadrados.
Trátase, apuntan desde o goberno local, dun lugar "accesible e adecuado" que permitirá ofrecer unha zona de condicións "seguras" para a práctica destes deportes.
Serán tres arquitectos do municipio, Félix Iribarne Blanco, Andrea Gesteiro e Javier Segura Roldán, os que se encarguen da redacción deste proxecto a cambio duns 9.000 euros.
Esta iniciativa comeza a súa tramitación tras as reunións que o Concello mantivo con Diego Barbeito, un gran referente do skate en Sanxenxo, e con mozos que practican skate, scooter e parkour e que colaboran activamente co programa +Xuventude, máis Concello, na detección de demandas e necesidades dos mozos da súa idade.
Ademais, lembran desde o Concello, trátase dunha demanda histórica no municipio.
A zona elixida para esta pista permitirá no futuro, se se considera necesario, ampliar as instalacións ou complementala con actividades similares.