Ediserpo ten de prazo dúas semanas para retomar as obras do campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño
A construción do campo de fútbol de Ponte Sampaio viuse afectado pola crise que vive a empresa Ediserpo, adxudicataria destes traballos. Desde hai uns dous meses, a obra atópase parada e o seu futuro é incerto.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, sinalou este luns que o Concello dará un prazo "razoable" de tempo para que Ediserpo resolva os seus problemas, derivados dunha débeda coa Axencia Tributaria, e retome estes traballos.
Así, González advirte á empresa que se a mediados de febreiro a obra non volve reactivarse, o Concello tomará medidas. Isto implica que, probablemente, a administración rescindiría este contrato polos incumprimentos da empresa.
O Concello prefire confiar nas negociacións da empresa con Facenda, xa que a ruptura deste contrato obrigaría a sacalo de novo a licitación, o que atrasaría a súa execución.
Ediserpo fíxose o pasado mes de xuño coa adxudicación da construción deste campo de fútbol, orzado en 1.163.536 euros. A obra, actualmente, está executada "nun terzo". Os terreos están explanados e escavados e tamén se realizou a achega de pedra e xabre. Queda por construír os edificios e instalar o céspede artificial.
Nas últimas semanas dúas das compañías que lle forneceron material para esta obra reclamaron ao Concello que se lles abone o diñeiro que debía pagarlles Ediserpo. Canteiros do Porriño pedía 43.474 euros e Almacén e Ferros Arousa 100.369 euros.
En ambos os casos, o goberno municipal negouse a satisfacer esa débeda e desestimou as peticións de ambas as empresas xa que a actual lei de contratos non permite o pago directo dunha administración a contratistas doutra compañía privada.
Relacionadas:
-
As obras de construción do campo de fútbol de herba sintética de Ponte Sampaio continúan tras o parón
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Ediserpo renuncia a tres obras, entre elas o campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |
-
Comezan as obras para que o novo campo de fútbol de Ponte Sampaio estea listo en febreiro de 2019
Por Anxo Lourido |
-
Preocupación pola tardanza no inicio das obras de construción do campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Redacción |