Un arduo traballo de reconstrución de pegadas permite identificar o cadáver momificado aparecido en Mollavao
Por Natalia Puga
A pericia dos axentes da Policía Científica de Pontevedra permitiu pescudar a identidade do cadáver que apareceu momificado nos terreos dunha antiga nave abandonada do barrio de Mollavao o pasado 26 de xaneiro. Determinouse que se trataba do corpo dun home de orixe turca de 42 anos.
Segundo informou ao Policía Nacional, a pesar do mal estado de conservación do cadáver os axentes da Brigada da Policía Científica de Pontevedra lograron rexenerar a pegada dactilar dun dedo, do que tan só se sabía que era un home, pero non se lograban pescudar máis datos ao estar momificado.
Un minucioso traballo de laboratorio dos axentes pontevedreses permitiu reconstruír esa pegada e, ao comparala coas bases de datos policiais, pescudouse que se trataba dun cidadán turco que estaba fichado e estivera en prisión.
O home levaba aproximadamente tres meses morto, pero non transcendeu se se logrou determinar a causa da morte. En todo caso, todo apunta a causas naturais ou accidentais, pero non se detectou ningún signo de violenta no cadáver que sirva para determinar que fose vítima dun crime.
Tras a localización do cadáver, e á vista de que estaba momificado, foi trasladado ao Instituto Anatómico Forense de Verín, onde un equipo dirixido polo forense Fernando Serrulla Rech, xefe da Unidade de Antropoloxía Forense do Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia), practicoulle a autopsia.
Serrulla acaparou titulares hai un ano ao ser o encargado de realizar a autopsia do corpo da moza Diana Quer, pero tamén se destacou por participar en identificacións tras os atentados do 11-M en Madrid, na exhumación de soldados descoñecidos mortos na guerra das Malvinas ou na reconstrución da cabeza do home lobo de Allariz, Romasanta.
Tras unha concienciuda autopsia neste caso, determinou que o home falecido en Mollavao non presentaba signos de violencia.