A xuízo por tocar o cu a unha moza de 17 anos tras seguila por varias rúas de Pontevedra
Por Natalia Puga
Un home sentará esta semana no banco dos acusados dos xulgados da Parda para render contas por un delito de abuso sexual por presuntamente tocar o cu a unha moza de 17 anos nunha rúa do centro de Pontevedra.
Segundo recolle o fiscal no seu escrito de acusación, o acusado seguiu en varias ocasións á moza por diversas rúas de Pontevedra, ata que un día, tras perseguila desde a saída do instituto por polo menos dúas rúas, acabou tocándolle o cu coa man.
Os feitos ocorreron sobre as 14.00 horas do 16 de novembro de 2017. Despois de que o home lle tocase o cu, a vítima gritou, o que provocou que se virase cara a ela unha señora que transitaba polo lugar e que o ahroa acusado fuxise.
A denuncia presentada pola moza permitiu identificar o sospeitoso, de iniciais X.P.G.. O fiscal considera que actuou "co propósito de satisfacer o seu apetito sexual" e cualifica os feitos como un delito de abuso sexual polo que considera que debe ser condenado a sete meses de multa a razón de seis euros diarios, isto é, un total de 1.260 euros.
O xuízo celebrarase este mércores 6 de febreiro no Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra.