O enfrontamento entre Maduro e Guaidó chegará ao pleno de Pontevedra
Por Redacción
Venezuela será un dos puntos de debate do vindeiro pleno municipal. O Partido Popular traslada a situación que se vive no país suramericano co enfrontamento entre Nicolás Maduro e Juan Guaidó á corporación.
A agrupación que encabeza Rafa Domínguez pedirá a todos os grupos, a través dunha moción, que apoien á cidadanía venezolana que reside en Pontevedra, "veciños que reclaman liberdades para o seu país e para os seus familiares e amigos que viven a centos de quilómetros deles", lembrando que este sábado un grupo de venezolanos se concentraba na praza da Peregrina. Para o PP, a poboación venezolana "atópase ante unha crise humanitaria de excepcional gravidade" con falta de alimentos e de medicamentos. Denuncia a represión violenta exercida polo réxime de Madura que causou "alomenos 16 mortos, máis de 300 feridos e detidos que se suman aos milleiros de represaliados nos anos de ditadura chavista".
No pleno do vindeiro venres van ir a debate outros temas. Tanto o BNG como o PP presentarán mocións rexeitando os orzamentos do Estado. O BNG entende que discriminan a Galicia e ofrecen un trato inxusto establecendo unha relación de obras que non se contemplan como a A-57, nó de Bombeiros, recuperación da ría e dos terreos que ocupa Ence, ademais de ignorar a supresión da peaxe. Tamén reclaman a modificación financeira dos Concellos. As mocións coinciden co último día en que se poden presentar emendas á totalidade dos orzamentos do Estado para este 2019.
O Partido Popular tamén levará ao pleno unha moción sobre o saneamento. Pola súa parte, a agrupación socialista presentará dúas propostas, unha relacionada coa vivenda, que se retirara por falta de tempo dos puntos da anterior sesión, e outra sobre o rueiro.
Pola súa parte, Marea Pontevedra presentará unha moción, a petición da veciñanza de Lourizán, para protexer a praia dos Praceres instando á Xunta a que antes de adoptar decisións, realice un estudo integral do saneamento da ría requirindo a colaboración do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Ademais quere instar a administración autonómica a que retrase calquera decisión sobre este tema ata que rematen os estudos. A agrupación que lidera Luis Rei quere que se inste á Xunta de Goberno Local a prestar asesoramento ás familias afectadas pola Autovía A-57, ademais de ofrecerlles cobertura xurídica.
Por último, Cidadáns presentará unha moción de apoio na recollida de sinaturas do sindicato de enfermería Satse reclamando a presenza de máis profesionais deste sector sanitario nos centros hospitalarios, e outra na que pide presenza de enfermeiras nos centros escolares.
Relacionadas:
-
RADIO.- Javier Moro: "Toda esta alianza de autocracias quérennos mortos aos demócratas"
Por Marisa Ciordia |
-
Maduro, Guaidó, Felipe González, Guerra, Otegui, Casado e Rajoy, citados nun pleno denso
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP critica que algunhas casas do rural quedan fóra do proxecto de saneamento de Viaqua
Por Oskar Viéitez |
-
A comunidade venezolana de Pontevedra mostra o seu apoio a Juan Guaidó
Por Redacción |
-
A corporación censura o "populismo barato" do PP co seu cambio de criterio sobre a A-57
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |