O campo de Mirallos amosará unha nova imaxe á vindeira semana
Por Almu Dapena
O Concello de Moraña xa está inmerso nas melloras da modernización integral do campo de fútbol de Mirallos e a construción dun edificio auxiliar para ximnasio e cafetería acristalada.
Nestes días o Concello está a proceder á renovación do sistema de drenaxe coa realización de catas e apertura de zanxas para corrixir os problemas de augas e rebrandecemento que padece o terreo de xogo.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, achegouse ata o estadio a visitar o desenvolvemento das obras, que están a ser executadas por unha empresa local e que en principio quedarán rematadas ao longo desta semana.
"Estamos tentando dar solución aos problemas do céspede coa renovación da drenaxe porque queremos facer todos os traballos alleos ao gran proxecto de modernización do campo con anterioridade co propósito de que non interfiran nas obras", explicou.
Polo demais, detallou que nestas semanas estase a xestionar con moita intensidade a consecución do financiamento, cifrado en 452.000 euros, e concretou que en breves datas podería quedar pechado.
O proxecto de modernización do campo de Mirallos consistirá na mellora do gradarío con dotación de 300 asentos, a reforma integral dos vestiarios, a instalación dun novo sistema de rego con seis canóns emerxentes, a construción dun edificio auxilliar cun ximnasio municipal de 125 metros cadrados e unha cafetería acristalada no primeiro andar, a creación dun amplo circuíto de footing ao longo de todo o perímetro do complexo deportivo e a urbanización e axardinamento das zonas anexas.