Preparan unha homenaxe ás mariscadoras que hai 60 anos loitaron contra a instalación de Celulosas
Por Diego Espiño
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e a Plataforma Non á Ampliación da Depuradora preparan unha homenaxe ás mariscadoras da parroquia que "hai 60 anos se opuxeron aos recheos e á Celulosa".
Así definiu o presidente da APDR o evento que terá lugar o vindeiro domingo 10 de febreiro (12:00 horas) no salón de actos do colexio dos Praceres.
"Pasou demasiado tempo sen que se lle fixera unha merecida homenaxe", recoñeceu Masa, e é que a maioría das mulleres que chegaron a enfrontarse coas forzas militares do franquismo para defender "o pan dos seus fillos" faleceu. De feito só una das 14 detidas naquela xornada, Isaura Ferreirós, acudirá ao acto.
"Consideramos que foron mulleres que loitaron pola nosa parroquia contra unha aberración, algo que se repite cada certo tempo", sinalou á súa vez Rita Lago en representación da plataforma veciñal dos Praceres contraria á ampliación da EDAR.
Ademais do propio acto, no que se proxectará unha curtametraxe realizada por Lukas Santiago e que contará cunha actuación musical, está prevista a colocación na zona dunha placa coa inscrición 'Ás mariscadoras que hai 60 anos loitaron contra a instalación da Celulosa, un exemplo de dignidade que non pode caer no esquecemento'.