Ponteandadas regresa con novas propostas para patear e un reto extremo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A concellería de Deportes do Concello de Pontevedra e Naturgaliza Club veñen de presentar unha nova edición de Ponteandadas, un circuíto de rutas de sendeirismo polas parroquias do municipio.
Os obxectivos que persegue esta iniciativa son os de socializar, promover hábitos de vida saudables a través do exercicio físico moderado, ademais de coñecer a contorna natural e patrimonial da zona.
A concelleira Anxos Riveiro xunto cos promotores desta iniciativa, Juan Romero e Javier Piñeiro, explicaron en rolda de prensa os detalles deste "proxecto moi consolidado" que conta coa "resposta positiva da cidadanía" como demostra a "crecente afluencia" de persoas de todas as idades e de "condicións diversas".
Javier Romero destacou que "ademais de potenciar o deporte de elite ou de base o Concello tamén se preocupa" por propoñer actividades para "un segmento de poboación que ten que moverse".
Na última edición inscribíronse 2.056 persoas aínda que ao final foron 1.469 as que participaron nas seis camiñadas, o 70% foron mulleres.
As cinco propostas desta Ponteandadas 2019 son: 7 de abril, ruta por Campañó; 12 de maio, ruta por Marcón; 6 de outubro, ruta por Lourizán e 10 de novembro, ruta urbana. Como novidade o 8 de setembro, terá lugar a Ponte Extrem, unha ruta de 31 quilómetros polo perímetro de Pontevedra que, sen dúbida, será todo un reclamo para que "veña xente de fóra". Terá unha variante de 16 quilómetros para os que non queiran asumir este desafío.
Tamén haberá dúas charlas: o 23 marzo na Casa da Luz sobre "Sendeirismo e saúde" e o 21 de setembro sobre "Sendeirismo e educación física".
A inscrición en todas estas propostas ten un custo de 8 euros, se se opta por anotarse só a unha ruta o prezo é de 2 euros, excepto a Ponte Extrem que pola súa singularidade sae en 4 euros. A actividade é gratuíta para persoas desempregadas.
Esta cota cobre o seguro, proporcionando entre outras cousas, asistencia en ambulancia. Para apuntarse é necesario facelo a través do correo electrónico ponteandadas@gmail.com ou nas dependencias da Casa da Luz os mércores de 11 a 12 da mañá.