Recollen sinaturas en Pontevedra para loitar contra a pobreza enerxética
Por Olaya Madrigal & Anxo Lourido
Integrantes da Federación de pensionistas e xubilados trasladaron á praza da Peregrina a súa petición de sinaturas contra a pobreza enerxética, unha campaña que se realiza nas nove comarcas de pensionistas que o sindicato Comisións Obreiras ten en Galicia.
Luis Camiñas, secretario xeral desta federación en Pontevedra, afirma que 600.000 persoas en Galicia atópanse nesta situación de pobreza enerxética e pontevedra é a segunda capital galega cunha porcentaxe de poboación máis grande nesta situación, achegándose a unha cifra do 26,5% de poboación xeral afectada e que se encontran no umbral da cidadanía en risco de exclusión.
Sinalan que os pensionistas son os que se atopan nunha situación máis difícil porque os seus ingresos son máis baixos, pero non é o único colectivo afectado porque aseguran que unha alta porcentaxe de poboación forma parte dun sector sen traballo.
Unha das peticións que realizan é que o IVE na tarifa eléctrica se rebaixe ao 10% en lugar do actual 21%. Ademais, piden un auténtico bono social para cubrir gastos eléctricos e de gas. Reclaman tamén á ministra de Industria, Reyes Maroto, que impida o corte do subministro eléctrico a persoas que se encontren en situación vulnerable.
Mercedes Márquez, secretaria de organización de Comisións Obreiras, alerta de que moitas persoas se ven obrigadas a reducir o consumo ou a eliminalo directamente ante a imposibilidade de pagar as tarifas. Neste sentido, apuntan que Cáritas colabora en diversos casos da urbanización de Monte Porreiro para axudar a usuarios con dificultades económicas a facer fronte á factura da luz.
Este xoves, este colectivo vai trasladar a campaña á contorna do mercado de Marín co obxectivo de seguir a sumar sinaturas dentro desta campaña na que se defende que a enerxía é unha necesidade e un dereito.