Condenan un octoxenario que deu unha malleira a un veciño nunha discusión por un camiño
Por Natalia Puga
Un octoxenario de Cerdedo-Cotobade acaba de ser condenado a dous anos de prisión e o pago de 4.024 euros polas lesións que lle causou a un veciño de 70 anos ao que agrediu cun pau groso e envío ao hospital. Ambos os veciños manteñen desde hai anos un enfrontamento pola titularidade dun camiño e esta agresión produciuse no marco dunha discusión por ese mesmo motivo.
Os feitos ocorreron en agosto de 2017e chegaron a xuízo este mércores no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra. A vista oral reduciuse a tan só uns minutos porque o acusado chegara a un acordo de conformidade previo coa Fiscalía polo que recoñeceu os feitos e se reduciu a pena á que se enfrontaba inicialmente -de tres anos e medio de prisión- a tan só dous.
O xuíz, Juan José Trashorras, xa ditou de viva voz unha sentenza condenatoria na que se recolle, co beneplácito da Fiscalía e da acusación particular, que o octoxenario poderá eludir o ingreso efectivo no cárcere sempre que abone a indemnización. Tense en conta para tomar esta decisión que carece de antecedentes, que el mesmo comprometeuse ante o xuíz a pagar en 17 prazos e que xa depositou 500 euros na conta do xulgado.
Fontes próximas á vítima explicaron que o agresor e a súa vítima teñena malas relacións desde hai tempo porque o acusado sostén que un camiño é da súa propiedade e o seu veciño que é público. Por estes feitos xa houbo denuncias previas que nunha ocasión chegaran ao xulgado.
O home foi condenado por un delito de lesións dolosas con uso de instrumento perigoso porque, segundo acusaba o fiscal e el mesmo recoñeceu, actuou "guiado por un ánimo de menoscabar a integridade física" do seu veciño ao golpealo cun pau groso de máis dun metro de lonxitude que portaba.
O xa condenado pegou ao seu veciño no costado e na cabeza, causándolle un traumatismo cranioencefálico, ferida contusa na cabeza e fractura nas costelas. Precisou tratamento cirúrxico, ingreso hospitalario e tratamento farmacolóxico por unhas lesións que tararon en curar 31 días e polas que agora deberá indemnizar á súa vítima e ao Servizo Galego de Saúde. Deberá pagar 1.266,26 euros polos días que tardou en curar das lesións e 2.758,37 pola asistencia sanitaria prestada.