A Xunta esixirá que Pontevedra pague o bus a Monte Porreiro e os tramos urbanos do resto
Seis contratos e 166 liñas. É o servizo de transporte público que acaba de licitar a Xunta de Galicia para a área de Pontevedra que, na súa primeira fase, tamén inclúe aos municipios de Poio, Vilaboa e Marín. Un segundo bloque de contratos, que se impulsarán a partir de xuño, afectará os oito restantes municipios que se integran na área metropolitana.
Así o avanzou este mércores a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que presentou en Pontevedra o plan de transporte público de Galicia para esta área urbana. Fíxoo acompañada do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; e do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.
Vázquez defendeu o "gran esforzo" realizado polos técnicos do seu departamento para deseñar este plan de transporte e cubrir así as "carencias" que hai en Pontevedra, onde lembrou que o Concello non asume a súa "obriga legal" de contar con autobuses urbanos para que os seus cidadáns se poidan desprazar polo municipio.
Destas 166 liñas que saen a licitación, 107 serán de servizo compartido co transporte escolar. Ademais, está previsto que 36 delas teñan paradas a demanda, que o usuario terá que solicitar a través da plataforma bus.gal ou por vía telefónica. Compraranse 125 autobuses e haberá un mínimo de 123 condutores e 71 acompañantes.
Estes contratos teñen unha demanda actual de 1.4 millóns de pasaxeiros ao ano, cunha previsión de crecemento do 2%. Na licitación, aclarou a conselleira, detállanse as liñas, as rutas ou os horarios que debe ter cada servizo, xunto cunha análise pormenorizada do rendemento económico que se espera delas.
Terán unha duración de dez anos e supoñeranlle á Xunta uns 4.5 millóns de euros anuais, segundo o estudo de viabilidade. A partir de aí, o goberno galego repercutirá ao Concello a parte proporcional que se corresponda co transporte urbano.
Así, con respecto ao denominado como "metropolitano de Pontevedra" deséñanse 27 itinerarios. Case todos teñen algún dos seus tramos en territorio do municipio da capital. Por iso é polo que a conselleira de Infraestruturas advertise que a Xunta esixirá ao Concello que asuma o custo das dúas liñas a Monte Porreiro e da parte proporcional do resto.
Farase en base a dúas variables: a existencia mesma do servizo e o número de usuarios que empregue estes autobuses. A Xunta avanzará o pago e liquidaría posteriormente ao Concello a parte correspondente. O custo para Pontevedra non está cuantificado pero, en todo caso, será "moi inferior" aos 2 millóns que paga Lugo polo seu autobús urbano.
A titular de Infraestruturas reiterou que estes proxectos están pensados para "adaptar liñas do século pasado ás necesidades actuais" e que os pontevedreses "non queden sen transporte" pola "inacción" do goberno municipal.
Ethel Vázquez aclarou que estes documentos son unha planificación de servizos para unha área concreta e non teñen "nada que ver" co plan de transporte metropolitano, que é un plan de coordinación e subvencións ao transporte público que no caso de Pontevedra non presenta avances "pola negativa" do Concello.
Ademais, sobre o transporte a demanda que expón Pontevedra e que a Xunta tería que autorizar, a conselleira lamentou que presentasen unha proposta "nuns cantos folios" e lembrou que este servizo, en todo caso, debe ser "complementario" e non ser o eixo sobre o que pivote unha proposta global de transporte urbano.
Relacionadas:
-
Paralizan o plan de transporte da Xunta ante as "deficiencias" denunciadas polo sector
Por Alejandro Espiño |
-
O bus urbano a Monte Porreiro busca atraer á xente moza
Por Alejandro Espiño |
-
Un informe municipal alerta das "carencias" do Plan de Transporte da Xunta, que mete buses por zonas peonís
Por Natalia Puga |
-
A Xunta non ve "desenvolvida" a proposta de Pontevedra para o transporte a demanda
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O Concello e a Xunta 'non se entenden' tras a reunión técnica do transporte público
Por Oskar Viéitez |
-
Os taxistas, "moi interesados" no proxecto de transporte a demanda que estuda implantar o Concello
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |