Os veciños poderán colaborar na redacción do plan de mobilidade de Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas contará moi pronto cun plan de mobilidade urbana sustentable. O equipo de goberno deu orde de iniciar os traballos de redacción desta normativa que se financia cunha subvención da Deputación de Pontevedra.
De cara á elaboración deste plan, o Concello convocou unha mesa de mobilidade, un foro institucional e veciñal de debate no que se presentarán as liñas básicas do documento e na que participarán colectivos directamente involucrados.
O goberno local impulsa tamén a participación da veciñanza a través dunha enquisa que se pode cumprimentar anonimamente pola Internet a través desta ligazón.
O plan analizará en profundidade a mobilidade dentro do territorio de Ponte Caldelas e buscará as alternativas máis sustentables, tanto ecolóxica como social e economicamente, procurando aumentar a eficiencia no sistema de desprazamentos e facilitar hábitos máis respectuosos co medio ambiente e que melloren o aproveitamento dos recursos.
Ademais, trátase de facer a vila máis accesible, reducindo as barreiras arquitectónicas e mellorando a relación entre o peón e o vehículo, así como o acceso aos transportes públicos.
Para conseguir isto estase a estudar, con distintas metodoloxías, o xeito en que a xente se despraza (a pé, en bicicleta, en vehículo privado ou no transporte público) e o modo en que se utilizan os espazos públicos.
Todo isto, atendendo tanto aos desprazamentos dentro do concello como a outros concellos, e tanto aos que se fan para desenvolver as actividades diarias como os que teñen que ver co tempo de lecer. Analizaranse tamén os aparcadoiros, os problemas de seguridade viaria e a configuración das rúas, incluíndo os últimos cambios no mapa urbano de Ponte Caldelas.
Toda esta información servirá para preparar estratexias e propostas concretas, sendo unha guía para futuras actuacións e tamén para a busca de financiamento doutras administracións.