A Xunta destina 290.000 euros ao centro de día e a unidade de Alzhéimer de AFAPO
Por Redacción
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, reiterou o compromiso da Xunta de Galicia coas persoas con Alzhéimer ao subliñar que o Goberno galego destina este ano 290.000 euros á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo), co que se financian 45 prazas nos seus centros. Fíxoo durante a presentación do novo minibús da entidade.
Ildefonso de la Campa recordou que con este importe fináncianse 35 prazas no centro de día que ten na cidade do Lérez esta entidade, así como, outras 10 da unidade de Alzhéimer que ten habilitada en Marín.
Ademais, o director xeral sinalou o propósito da Xunta de Galicia por mellorar o atención e a calidade de vida das persoas de máis idade e a dos seus familiares. Por iso, recordou o orzamento da Administración autonómica, vixente desde inicios de ano, destina á área de Maiores e Persoas con Discapacidade 428 millóns de euros, é dicir, seis de cada dez euros que xestiona esta consellería.
Nos últimos dez anos cuadriplicouse o número de persoas dependentes que perciben algunha prestación, ata superar a día de hoxe os 60.000. Esta cifra, récord histórico nesta comunidade, supón unha ratio de cobertura do 88,5% e sitúa a Galicia no cuarto posto no ránking das 17 autonomías.