Case oitenta traballos optan aos premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción
Cincuenta e oito orixinais para a categoría de poesía e vinte para a de xornalismo. Son os traballos que optan aos premios Johán Carballeira que, como cada ano, convocou o Concello de Bueu.
As cifras desta edición, destacan desde o Concello, demostran que o certame é todo un referente a nivel galego.
Durante as próximas semanas, o xurado revisará os traballos para que o gañador poida facerse cun premio de 1.500 euros en ambas categorías, ademais da publicación do poemario gañador por parte da editorial Xerais.
Estes premios, que naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, Juan Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, tivo como gañadores na pasada edición a Daniel Asorey co poemario Transmatria, e na categoría de xornalismo, o galardón recaeu en Moncho Iglesias Míguez, coa reportaxe Corea do Norte: a vida dese outro lado.