O concello da Lama e os veciños de Laxedo pleitean contra a disolución do Padroado de Colonias Escolares
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, e o presidente da Asociación de Veciños de Laxedo (Covelo), Iñaki Touriño, acompañados polos seus respectivos avogados e varios veciños da parroquia lamense decidiron solicitar a acumulación do procedemento xudicial en marcha contra a decisión da Xunta de Galicia de disolver a Fundación Padroado de Colonias Escolares de Pontevedra.
Esta decisión pon de manifesto a plena sintonía entre a asociación veciñal e o Concello da Lama neste tema e a vontade clara e explícita de ir da man neste contencioso-administrativo presentado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a orde do 5 de marzo de 2018 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Padroado de Colonias Escolares de Pontevedra, situadas na parroquia de Covelo.
A postura que defenderán no procedemento único, tanto o Concello como a Asociación de Veciños de Laxedo e que é o apoiado na asemblea veciñal celebrada hai meses en Covelo, vai orientada a atacar, directamente e por vía judical ante o alto tribunal galego, a extinción da Fundación Padroado de Colonias Escolares de Pontevedra.
Así mesmo, coa presentación do contencioso-administrativo os litigantes pretenden coñecer oficialmente as actuacións emprendidas e o modo de proceder dos representantes do Padroado no órgano de goberno da Fundación das Colonias e poder determinar así tamén se houbo ou non neglixencia, abandono, inacción ou calquera tipo de responsabilidade pola situación de deterioración no que se atopan os bens patrimoniais das Colonias de Covelo.
Relacionadas:
-
Os socialistas apostan por recuperar as Escolas de Covelo
Por Redacción |
-
Piden unha reunión coa conselleira de Educación para abordar a extinción das colonias escolares de Covelo
Por Redacción |
-
Rexeitamento do PP no Parlamento a manter a fundación das colonias de Covelo
Por Redacción |
-
Alertan de que a extinción das Colonias Escolares supón unha perda de 50 empregos para A Lama