O ORAL estrea a súa nova oficina virtual tributaria
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha a nova oficina virtual tributaria do ORAL, o servizo provincial de recadación de tributos e ingresos, a través da que calquera persoa pode facer as súas tramitacións pola internet, sempre e cando o seu concello teña delegada a súa xestión neste servizo provincial.
No acto de presentación da nova oficina virtual tributaria, nas oficinas do ORAL na cidade de Pontevedra, a presidenta provincial, Carmela Silva, manifestou que éste é "un paso máis para situarnos na vangarda e como referente dunha Administración que aposta polas novas tecnoloxías".
Silva destacou que hai catro anos "a relación entre Deputación e novas tecnoloxías era unha eiva importante" e amosouse "moi satisfeita e orgullosa" de que "con este Goberno chegou tamén a Administración electrónica á provincia de Pontevedra".
Á nova oficina virtual tributaria do ORAL pode accederse dende calquera sección da páxina web da Deputación, www.depo.gal.
No novo espazo virtual, as persoas usuarias poden facer todos os trámites: pagar ou domiciliar recibos e liquidacións; presentar solicitudes, recursos e documentación; modificar datos fiscais; realizar autoliquidacións do imposto de vehículos; identificar á persoa condutora nunha sanción de tráfico; subscribirse a unha caixa de correo de notificacións electrónicas ou recibilas por correo e SMS; obter información de obxectos tributarios, expedientes ou embargos; e por último, obter duplicados de recibos.
Segundo avanzaron na presentación, a nova oficina virtual irá cambiando e modificándose a medida que se detectan novas necesidades, carencias ou que se vaian reclamando novos servizos.
Ademais desta nova oficina virtual tributaria, as 14 oficinas físicas do ORAL e os 9 puntos de atención seguirán estando activos para as persoas que prefiran facer os trámites de xeito presencial.
O ORAL é o servizo da Deputación encargado de realizar a xestión, inspección e recadación de tributos e outros ingresos de dereito público dos concellos que delegan as súas competencias na institución provincial. Encárgase tamén dos trámites e xestións relacionados coa competencia sancionadora que lle sexa delegada, especialmente no relativo ás multas de tráfico.