A Deputación presenta a nova guía de mosteiros das Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este mércores a primeira acción da campaña "Fame de experiencias", centrada nos mosteiros das Rías Baixas.
Publicouse unha nova guía que estará dispoñible nas oficinas de turismo e nos propios mosteiros e deseñáronse visitas 3D para percorrer con lentes de realidade virtual os edificios monumentais.
Imprimíronse 2.000 exemplares en idiomas español, galego e inglés, a un prezo de venda de 12 euros. Para as visitas virtuais, as lentes están de balde a disposición das persoas interesadas nas oficinas de Turismo Rías Baixas e nos propios mosteiros.
A guía, nesta primeira edición, recolle os seis mosteiros máis importantes da provincia, os de San Lourenzo de Carboeiro, Santa María de Aciveiro, Santa María de Armenteira, San Xoán de Poio, San Salvador de Lérez e Santa María de Oia.
Ademais de historias como a piratería en Oia, as "neveiras" do Candán, a biblioteca de San Xoán ou o "aceite milagreiro de San Benitiño", na guía cóntanse tamén lendas como a da Ponte do Demo en Carboeiro ou o soño de 300 anos de Ero de Armenteira.
As visitas virtuais permiten coñecer Armenteira e Carboeiro e pronto se ampliarán a Aciveiro, San Xoán de Poio, San Benitiño e Santa María de Oia. Segundo indicou Carmela Silva, esta iniciativa ten tamén "unha visión social", xa que permite as visitas ás persoas que non poden acceder.
Carmela Silva destacou que "somos a administración que máis inviste na posta en valor do noso patrimonio".