Os sindicatos lamentan as "mentiras" do Concello e defenden a inocencia dos policías investigados
Por Alejandro Espiño
Un relato apoiado en "mentiras" e en "medias verdades". Así está a ser, segundo os portavoces sindicais da Policía Local de Pontevedra, o proceso no que se viron envoltos dous axentes do corpo, acusados de modificar varios semáforos da cidade para entorpecer o tráfico na cidade o pasado 31 de decembro.
A través dun comunicado, os sindicatos CC.OO e UXT acusaron ao Concello de tentar "desprestixiar" á Policía Local e "alarmar" á cidadanía. Recoñecen non saber o contido das dilixencias entregadas na Fiscalía pero, tras o publicado nas últimas horas, aprecian "numerosas inexactitudes".
Así, negan que tivesen como obxectivo boicotear a carreira de San Silvestre xa que a suposta "anomalía" dos semáforos produciuse na zona de Domingo Fontán, lonxe de onde se celebraba a proba deportiva, coincidindo cunha manifestación comunicada "legalmente" ante a falta de negociación do goberno municipal cos axentes.
Polo lugar onde se sitúan eses semáforos, engaden os sindicatos, pasou a manifestación en dúas ocasións e o tráfico estaba xa cortado, polo que afirman que "dificilmente" se puido xerar un problema sobre a circulación. Ademais, garanten que o axente acusado de manipular os semáforos non estaba preto deles.
Todo o proceso, segundo CC.OO e UGT, presenta "dúbidas razoables" e estase levando a cabo "sen as garantías mínimas de imparcialidade" do instrutor, o intendente xefe da Policía Local. Consideran por outra banda que a entrega das dilixencias no xulgado foi "irregular".
Os delegados sindicais lamentan a "criminalización" do colectivo de axentes da Policía Local por parte do Concello e critican que non se respecte o contido das dilixencias policiais ou a presunción de inocencia dos investigados.
Por iso, reclaman que nestes momentos se impoña a "prudencia" e o dereito á presunción de inocencia dos axentes investigados. "Tempo haberá para dar todo tipo de explicacións pero por agora non debemos de dificultar a tramitación e defensa dos investigados", conclúen.
Desde o Concello, con todo, reiteran que a situación que se creou ese día coa manipulación dos semáforos supuxo unha "alteración grave" da seguridade do tráfico na cidade. Así o explicou o edil de Réxime Interior, Vicente Legísima, que confirmou que se modificaron dous semáforos nas inmediacións da gasolineira do Burgo.
Ambos estaban en verde e, tras ser modificados coa apertura manual da súa caixa, foron postos en vermello durante uns oito minutos. Ademais do atasco, iso provocou a desesperación dos condutores que, segundo Legísima, "uns cruzaron en vermello e outros manobraron para dar a volta", xerando situación de risco cos peóns que pasaban pola zona.
A pesar de todo, o edil do BNG mantivo a súa cautela acerca do proceso xudicial aberto e tan só se limitou a explicar que a Policía Local puxo os feitos en coñecemento da autoridade xudicial "como faría con calquera outro cidadán" para que comproben se a actuación destes dous axentes é constitutiva de delito.
"Non pode haber diferenzas por ser un policía", sinalou Vicente Legísima, que aclarou que o Concello esperará a que a situación se resolva nos xulgados antes de tomar algún tipo de medida disciplinaria contra os dous axentes. "Agardaremos ao que decida a instrución e a Fiscalía", explicou.
Relacionadas:
-
Eva Villaverde acusa ao PP de "azuzar" o caso dos semáforos cun "claro interese partidario e partidista"
Por Oskar Viéitez |
-
CC.OO. pide a Lores "responsabilidades políticas" e desculpas coa Policía Local tras o arquivo do "caso do semáforo"
Por Redacción |
-
O Concello respalda o xefe da Policía Local: "Sería inadmisible" que actuara doutro xeito, afirman
Por Alejandro Espiño |
-
Fiscalía investiga dous policías locais por manipular semáforos en Pontevedra
Por Redacción |