As obras en Fernando Olmedo provocan un escape de gas que obriga a cortar a rúa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As obras que se están executando na rúa Fernando Olmedo nas proximidades da entrada ás instalacións ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva provocaron este venres unha corte na tubaxe de gas que obrigou a tomar todas as precaucións para evitar un incidente de gravidade.
O incidente produciuse sobre as 11.45 horas e ata as 13.50 non se retiraron do lugar os servizos de emerxencia. Quedaron traballando os operarios da empresa responsable da subministración do gas.
Ata o lugar desprazáronse operarios do Parque de Bombeiros de Pontevedra, operarios da empresa subministradora e axentes da Policía Local e da Nacional, que acordoaron ao redor de 20 metros da rúa. Tamén se cortou o tráfico rodado na Ponte dos Tirantes para evitar o paso de vehículos a esta contorna.
Segundo explicaron desde a empresa Nedgia Galicia, subministradora do servizo de gas, a rotura foi provocada por unha retroescavadora durante as obras de humanización da zona que executa a empresa Covsa. A pesar de que a empresa facilitou planos da rede marcando as tubaxes, os operarios romperon accidentalmente a canalización, provocando o escape e un forte cheiro a gas que causou gran alarma entre os veciños.
A empresa subministradora pechou as válvulas para garantir a seguridade na zona e proceder á retirada da máquina e reparar. Como resultado destas medidas, o edificio número 4 da rúa Fernando Olmedo quedou sen subministración de gas.
Os bombeiros permaneceron na zona ata as 13.50 horas realizando medicións continuas xa que, a pesar de que se cortou inmediatamente a subministración de gas, na tubaxe permanecían restos que comportaban perigo para a contorna.
Non se practicaron desaloxos de establecementos comerciais nin de vivendas, pero os servizos de emerxencias pediron aos veciños que non acendesen chisqueiros e evitasen utilizar calquera dispositivo inflamable.
En toda a rúa notouse un forte cheiro a gas e os axentes da Policía desviaron aos peóns para que accedesen aos seus destino usando outras rutas.