Xulgan a un garda civil por abusar da súa función para obter favores sexuais dunha vítima de violencia de xénero
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes día 19 de febreiro un xuízo por solicitude sexual, negociación e actividade prohibida ao funcionario e abuso da súa función.
Sentará no banco dos acusados un Comandante da Garda Civil por presuntamente, contactar cunha vítima de violencia de xénero, convidala a cear e ofrecerse a pagarlle o aluguer do piso.
Este home entre 2016 e 2017 desempeñaba o cargo de brigada na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra sendo Comandante e por iso, exercía labores de xestión e tratamento de todo o relativo a feitos relacionados coa Violencia de Xénero.
"Por razón do seu cargo, tiña coñecemento de que ela exercía a prostitución e consumía drogas, logrando desta forma dobregar a súa vontade", sinala o fiscal, quen sostén que tras quedar coa muller, levouna ao seu domicilio, situado no cuartel da Garda Civil, onde mantiveron relacións sexuais.
"Ao preguntarlle despois ela polo diñeiro ofrecido para o aluguer, díxolle que non fora o que esperaba e tiroulle unhas moedas con xesto despectivo", relata a acusación pública no seu informe.
A Fiscalía reclama que sexa sentenciado a un ano e medio de cárcere e inhabilitado durante sete anos.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra.