O Concello respalda o xefe da Policía Local: "Sería inadmisible" que actuara doutro xeito, afirman
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal pecha filas en torno ao intendente xefe da Policía Local. O caso dos dous axentes investigados pola Fiscalía por manipular semáforos na cidade puxo ao mando policial no punto de mira dos sindicatos, que lle acusan de soster o relato dos feitos con "mentiras" ou, cando menos, "medias verdades".
Carme da Silva mostrou este venres o "apoio total" do Concello a Daniel Macenlle. A súa actuación demostra, segundo a edil responsable en materia de seguridade, que Pontevedra pode estar "orgullosa" de ter unha Policía Local que actúa "da mesma maneira" se a persoa que, presuntamente, cometeu un delito é un cidadán ou un funcionario público.
De non ser así, engadiu, e o caso se ocultara "estariamos falando agora do cese do xefe da Policía Local", xa que entende que "non se pode consentir" que as autoridades se comporten de maneira diferente en función de quen sexa o investigado. "Sería inadmisible", asegurou a concelleira do BNG.
A pesar de todo, Da Silva reiterou que a investigación sobre estes dous axentes " non foi dada a coñecer por este goberno" senón por terceiras persoas.
Desde o Concello recomendan a todas as partes implicadas neste asunto que sexan "cautelosas" acerca das súas declaracións públicas, especialmente para "non facer ver" que cando se actúa "correctamente" hai quen se dedica "a pedir cabezas".
"As cabezas hai que pedilas cando non se fai así", concluíu Carme da Silva.
O intendente xefe, Daniel Macenlle, non quixo valorar esta cuestión e limitouse a afirmar que "o que tiña que dicir xa está non atestado" e, a partir de agora, a investigación está en mans das autoridades xudiciais que terán que decidir se a actuación destes axentes é constitutiva de delito ou non.
Coincidindo coa presenza de Macenlle nas dependencias municipais de Michelena, os delegados sindicais da Policía Local concentráronse ante as portas do Concello para expresar o seu rexeitamento a este proceso e para denunciar que o goberno municipal tente " riminalizar" a este colectivo por reivindicar melloras laborais e salariais.
Relacionadas:
-
Eva Villaverde acusa ao PP de "azuzar" o caso dos semáforos cun "claro interese partidario e partidista"
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez "interpreta" que o goberno local utiliza politicamente á Policía Local
Por Anxo Lourido |
-
CC.OO. pide a Lores "responsabilidades políticas" e desculpas coa Policía Local tras o arquivo do "caso do semáforo"
Por Redacción |
-
Os sindicatos lamentan as "mentiras" do Concello e defenden a inocencia dos policías investigados
Por Alejandro Espiño |
-
Fiscalía investiga dous policías locais por manipular semáforos en Pontevedra
Por Redacción |