Completan a mellora e ampliación da conexión entre Santa María e Carballedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de activar a segunda e a terceira fase do proxecto de mellora e ampliación da conexión viaria entre Santa María de Sacos e Carballedo, coñecida como a estrada de Vila de Arriba, cun investimento global de 210.000 euros que permitirá completar a remodelación integral desta estrada dende a N-541 ata o lugar de Trabazo, na entrada da parroquia que acolle á capital municipal.
Esta ambiciosa actuación arrancou hai pouco máis dun ano coa mellora de seguridade vial e ensanchamento do acceso a Vila de Arriba na denominada costa da igrexa, na que se investiron preto de 200.000 euros na ampliación da plataforma para corrixir a sinuosidade das curvas e favorecer o tráfico e a dotación de canalizacións de augas, redutores de velocidade, sendas peonís laterais, muros de mampostería, novas marcas viais e cubrecontedores.
Agora, vaise acometer a segunda fase, que afecta a un treito curto nas proximidades de Vila de Arriba coa estrada nacional. Esta actuación, que conta cun orzamento de 60.000 euros financiado ao abeiro do Plan Concellos, ten activada a súa licitación e procederase a contratar nas vindeiras semanas cando remate o concurso público.
A continuación, e tamén neste mesmo ano, farase o mesmo proceso coa terceira fase, correspondente co treito entre a Carballeira do Agro e as inmediacións de Trabazo, na que tamén se efectuarán tarefas de ampliación, renovación do firme e outras melloras viarias. Estas obras suporán unha contía de 150.000 euros e contan co financiamento da Xunta de Galicia.
Entre medias queda unha pequena zona, na contorna superior das vivendas, que quedará fóra desta remodelación, xa que a capa de rodadura atópase en boas condicións e o emprazamento das casas impide efectuar calquera tipo de ensanchamento.
Con motivo destes avances no proxecto, o presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, efectuou unha visita ao vial para supervisar os derradeiros detalles antes do próximo inicio das obras e amosou a súa satisfacción "por poder completar axilmente unha importante actuación en materia de infraestruturas que facilitará a conexión de Sacos e Carballedo e tamén todos os fluxos cara a estrada nacional".