A Deputación destina 450.000 euros en subvencións a confrarías e colectivos de mariscadoras e a cooperativas agrogandeiras
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases de dúas liñas de subvencións para investimentos no sector primario.
A primeira delas, dotada con 250.000 euros, é a dedicada a confrarías e a agrupacións de mariscadoras mentres que a segunda, con 200.000 euros, irá destinada a cooperativas agrogandeiras. Como novidades o goberno provincial incrementou este ano a contía máxima subvencionable dos 20.000 aos 30.000 euros e, por primeira vez, tamén permite que haxa axudas para a transformación do produto, que era unha demanda tanto das cooperativas como das confrarías.
Estas achegas serven para financiar actuacións como a comercialización e a valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento da actividade en confrarías e na federación, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovábeis e o aforro enerxético, así como o material para a vixilancia das producións e investimentos para a mellora dos servizos prestados.
Así mesmo, a contía das bases para subvencións a cooperativas agrogandeiras ascende a 200.000 euros, que irán destinados á posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto a comercialización e valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, a posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovábeis e aforro enerxético, así como aqueles investimentos para mellorar os servizos prestados pola cooperativa.
Por último, o prazo de presentación de solicitudes para as dúas convocatorias empezará ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e finalizará pasados 30 días naturais.