Barro xa ten cartos para urbanizar o Lugar do Outeiro
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou un investimento para Barro con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019 de 91.921,81 euros cos que a vila poderá financiar a urbanización no lugar de Outeiro.
Este ano a institución provincial pon a disposición de Barro ao través do Plan un total de 441.102,74 euros, un 3,16% máis que no 2018.
Máis polo miúdo, o viario sobre o que se actúa está situado no lugar de Outeiro, parroquia de Perdecanai. As actuacións contemplan a execución dun tramo de saneamento para a conexión coa rede existente, a formación dunha nova beirarrúa con bordo e pavimento de formigón, o acondicionamento con pavimentación asfáltica da zona superior do viario con linde ao terreo de equipamentos da piscina municipal, e o pavimentado con formigón e protección lateral da rampla de acceso ao recinto da mesma piscina.
Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 305.352,27 euros, o concello de Barro tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 39.367,64 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 96.382,83 euros da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 10 traballadores para o concello.
Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3% máis que no exercicio anterior.