O estadio de Pasarón adáptase para acoller o Centro Social do Burgo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Varios operarios traballan durante estas semanas na zona sur do estadio municipal de Pasarón coa intención de habilitar un espazo que se convertirá no Centro Social O Burgo, unha demanda histórica da asociación veciñal desta contorna.
Este luns, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro Demetrio Gómez visitaban as instalacións acompañados por representantes da directiva da asociación veciñal do Burgo, que a través do presidente Manuel Lavía e do tesoureiro Joaquín Estévez amosaron a súa satisfacción porque este proxecto se estea acometendo para dar cobertura aos mútliples actividades do colectivo, que conta con máis de 700 persoas asociadas.
A zona que ocupará a asociación se espallará ao longo de máis de 300 metros cadrados, Neste espazo vai instalarse unha cociña para a realización de cursos gastronómicos, catro aulas para actividades, zona de estancia, despacho e aseos, Segundo indicaba o alcalde, o goberno local agarda que a obra estea rematada a primeiros de maio.
Fernández Lores sinalaba que a obra tamén se amplía no andar baixo cun espazo, tamén de máis de 300 metros cadrados, que servirá de almacén tanto para o Concello como para a asociaicón veciñal. Ademais, vai montarse un ascensor que permitirá a accesibilidade ás dependencias sociais e tamén á bancada. Este espazo terá un funcionamento independente, de forma que non interfira na actividade deportiva do Pontevedra C.F. que se desenvolve no estadio municipal. Para o alcalde, este local garantirá a "convivencia nun barrio importante para a cidade porque O Burgo é o lugar onde naceu Pontevedra hai 2.000 anos".
Joaquín Estévez, tesoureiro da asociación do Burgo, e o presidente Manuel Lavía afirmaban que o local que empregan actualmente na rúa Manuel Murguía a penas conta con 80 metros cadrados e carece de calefacción. Este colectivo indica que precisan destas novas instalacións porque realizan actividades ao longo de todo o ano como cursos, elaboración de produtos tradicionais como filloas de Entroido ou actos con motivo das Letras Galegas.
As obras contan cun investimento superior aos 600.000 euros, que está financiado pola Deputación Provincial e o Concello de Pontevedra a través dun convenio.
Relacionadas:
-
O Burgo estrea o seu novo local social no Estadio Municipal de Pasarón
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O novo local social do Burgo entrará en funcionamento "antes do final de verán"
Por Diego Espiño |
-
O luns comezan os traballos de construción do novo local social do Burgo en Pasarón
Por Redacción |
-
O Burgo terá un novo centro social dentro de oito meses
Por Alejandro Espiño |
-
O novo centro social do Burgo en Pasarón terá un orzamento de 639.000 euros
Por Redacción |
-
Os veciños do Burgo contarán cun novo local social en Pasarón
Por Alejandro Espiño |