Sanxenxo prohibirá comportamentos incívicos asociados á celebración de despedidas de solteiro
Por Redacción
A concellería de Urbanismo de Sanxenxo está a elaborar unha nova ordenanza de convivencia cidadá, que contará con 38 artigos e tres disposicións adicionais.
A nova normativa, segundo apunta o goberno local, será máis dura cos comportamentos incívicos ao entender que, ata o dagora, tiñan unha sanción demasiado baixa. O goberno de Telmo Martín pon como exemplo que no caso de ouriñar nas rúas, a actual ordenanza só sanciona con 90 euros e, a partir da aprobación da nova ordenanza pasará a ser cualificada como infracción moi grave. Actualmente este tipo de infraccións sanciónanse con cantidades que van desde os 1.501 ata os 3.000 euros.
Outra das medidas polémicas está relacionada coa opción de prohibir comportamentos incívicos asociados á celebración de despedidas de solteiro e que poden chegar a ser consideradas como infraccións moi graves ou graves, segundo as incidencias que se produzan.
Desta forma pasarán a ser infraccións moi graves, a perturbación da convivencia que afecta de forma grave, inmediata e directa á tranquilidade de outras persoas; o impedimento do normal funcionamento dun servizo público; romper, incendiar, arrincar ou deteriorar instalacións ou elementos públicos ou pintar sinalizacións públicas. Tamén se considerará moi grave podar ou inutilizar as árbores da vía pública ou de parques e xardíns; provocar o apagado do alumeado público; incendiar colectores de lixo ou, como xa indicabamos, realizar necesidades fisiolóxicas como cuspir, ouriñar e defecar en lugares de uso público.
Ademais destas infraccións consideradas moi graves, tamén se establecerán categorías de graves e leves, que actualmente contan con sancións económicas que van de 751 a 1.500 euros e de 200 a 750 euros.