Alumnos do CEIP Xunqueira I aprenden cos bichos da compostaxe
Por Redacción
O alumnado do CEIP Xunqueira 1 aprende estes días o funcionamento da compostaxe fixándose na vida que se produce dentro dos restos orgánicos en descomposición.
Un grupo de escolares deste centro educativo tomou parte do taller 'Quen vive aí?', unha actividade organizada pola Deputación dentro do Plan Revitaliza.
A través dos bichos, a microfauna que habita nos centros de compostaxe (anélidos, colémbolos, pseudoescorpións, coleópteros…) e que participa activamente na descomposición dos restos orgánicos, os nenos e nenas descubriron como se realiza a compostaxe.
A identificación dos vermes realizouse grazas a varias mostras de compost con diferentes estados de maduración que as e os monitores do CEIDA achegaron ata o centro en caixas. Os escolares colleron os bichos eles mesmos mesmo coas mans e observáronos con material de aumento.
Para o alumnado maior están a impartirse ademais as charlas 'Ás voltas coa compostaxe', un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Pola súa banda os máis pequenos (1º e 2º) participan en xogos como o 'Xogo da miñoca', formando equipos sentados no chan resolvendo preguntas sobre como conseguir un bo compost.
Estas actividades escolares realízanse da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza.
Relacionadas:
-
Escolares do CEIP San Tomé de Cambados comproban como nace unha miñoca e o seu labor para crear compost
Por Redacción |
-
Escolares do CEIP Xunqueira 1 coñecen como se composta no campus universitario
Por Redacción |
-
A axencia europea "Zero Waste Europe" estuda en Pontevedra o plan de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
300 escolares do colexio Vilaverde apúntanse ao Plan Revitaliza
Por Redacción |