Todo a punto en Ponte Sampaio para combater os franceses
Por Oskar Viéitez
A Asociación de veciños Héroes de Pontesampaio organiza, o sábado día 8 de xuño, a recreación da batalla contra os franceses.
Segundo a previsión de actividades feita pola asociación, pola mañá do sábado farase a montaxe do campamento no parque da Xunqueira de Ponte Sampaio seguido do izado de bandeiras.
Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, escenificarase "o anuncio por parte da meiga da chegada dos franceses".
Deseguido os grupos de recreación desprazásense ata a Alameda Talo Río de Arcade dende onde desfilarán ata a ponte medieval, acompañados polos distintos grupos de baile do Centro Cultural Veira do Río.
Sobre as 18:30 da tarde está previsto a colocación dunha coroa así como a tirada de caraveis ao Río Verdugo por parte dos nenos dos grupos de baile Veira do Río. A continuación soarán os himnos de Francia, Inglaterra, Portugal, Unión Europea, España e Galicia.
Ao rematar farase unha pequena recreación na propia ponte medieval entre as tropas francesas e as tropas dirixidas por Pablo Morillo.
No recinto de festas bailarán os distintos grupos de baile de Veira do Río, ao mesmo tempo que se ofrecerá unha 'pulpada' popular para todos os asistentes amenizada coa música tradicional dos grupos Brisas do Mar e Airiños da Peneda.
Ben entrada a noite farase o asalto ao campamento.
Con estes actos colaboran o Concello de Pontevedra, a Deputación, a Federación Boa Vila e os distintos grupos de recreadores.