En Poio detectan un incremento da presenza da velutina
Por Redacción
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Poio ten detectado que a presenza de exemplares de vespa velutina nos primeiros meses deste ano está sendo superior que nas mesmas datas do 2018.
Dende o Concello advirten que ésta será a tendencia neste ano polo que anima á veciñanza a "colaborar fronte a este serio problema mediante a creación de trampas caseiras", para combatir a esta especie invasora.
Nos informes de Protección Civil do ano 2018 respecto a loita para a erradicación da vespa velutina no termo municipal, recollen que durante o período indicado recibíronse, principalmente por parte do 012, un total de 456 avisos de niños.
O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Anxo Lodeiro Cancela indicou que foron completamente eliminados un total de 199 niños por parte de Protección Civil de Poio, destacando o elevado movemento observado nos meses de xullo, agosto e setembro, nos que se recolleron casi o 60 % do total dos avisos.