A Mesa do Camiño modifica o seu regulamento para que poida participar o conselleiro de Cultura
Por Oskar Viéitez
A Mesa do Camiño, que impulsa a Deputación de Pontevedra, modificou o regulamento que rexe o seu funcionamento para alterar a composición deste órgano atendendo á petición da Xunta para que poida participar o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez ou a persoa na que delegue.
Ata agora participaban en representación da administración autonómica, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro ademais do director xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e o xerente do Xacobeo.
Pola súa banda, Nava Castro ofreceu á Deputación que participe nas reunións da comisión de seguridade do Camiño.
Ao terminar o encontro a Xunta de Galicia emitiu un comunicado no que critica a decisión aprobada por votación na Mesa do Camiño de suprimir, "de maneira irregular e sen previo aviso", á Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, encargada de xestionar esta celebración.
"A administración autonómica sempre está instalada na confrontación", lamentou a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva. "Fixemos o que pediu a Xunta", rematou.
O deputado delegado de turismo, Santos Héctor foi quen presidiu este xoves a reunión da Mesa do Camiño, en delegación da presidenta.
Santos Héctor deu conta da reunión mantida co delegado do Goberno en Galicia na que se trasladou que "queremos un Camiño seguro, accesible e sustentable" para aquelas persoas que peregrinen polas diferentes rutas xacobeas que cruzan a provincia cuxo número segue sendo "de récord" segundo os últimos datos rexistrados.
Neste punto o deputado enmarcou o compromiso anunciado polo Ministerio de Fomento de acometer a reforma da varanda da ponte da Ferrería en Caldas de Reis. Unha obra reclamada desde hai anos polos veciños ante o estado de deterioración que presenta o paso peonil da ponte sobre o río Umia que une o centro urbano coa Ferrería e polo transitan os vehículos da N-550.
Os membros da Mesa do Camiño tamén foron informados dos traballos levados a cabo pola Deputación de Pontevedra naquelas vías provinciais polas que pasa o Camiño "para eliminar puntos negros, crear senllas peonís e humanizar".
Segundo Santos Hector a administración provincial está a acometer obras en Baiona e ten planificadas melloras nos municipios de Barro, Caldas de Rais, Valga e Oia.
En canto á promoción turística está a difundirse o Camiño "desde a perspectiva multiexperiencial coa campaña ‘Fame de experiencias’, ligado á enogastronomía, termalismo, camelia e arqueoloxía", sinalou. Ademais citou que esta oferta turísica estará presente en Lisboa e será publicitada en múltiples medios de comunicación.
Ademais Santos Héctor informou en rolda de prensa que na Mesa do Camiño anunciouse que os concellos de menos de 50.000 habitantes poden optar a un fondo de axudas dotado con 400.000 euros e destinadas á rehabilitación do patrimonio cultural e tamén de adecuación da imaxe corporativa das oficinas adheridas á rede de Turismo Rías Baixas, reedición de guías, ademais das subvencións destinadas á contratación de persoal.
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda pide a Carmela Silva que cambie de data a reunión da Mesa do Camiño para poder asistir
Por Oskar Viéitez |
-
O conselleiro de Cultura decide ampliar en 18 camas o albergue de peregrinos
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación promocionará o "Camiño experiencial" no Fairway de Santiago
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación desconvocou a Mesa do Camiño para estudar a participación do conselleiro
Por Oskar Viéitez |