Os tapóns que converten aos nenos en superheroes
Por Alejandro Espiño
Se xa tiñan a fortaleza e o espírito de superación propios dun superheroe, a partir de agora os menores con trastornos neuromotores que trata Amencer- Aspace no seu centro de Lourizán poderán vestirse como un dos seus personaxes preferidos. Unha campaña de recollida de tapóns permitiu sufragar a posta en marcha do programa Spidersuit.
Trátase dun programa personalizado de fortalecemento intensivo e personalizado para estes menores que, mediante un traxe ortopédico, permite a estimulación de multisensorial de pacientes afectados por parálise cerebral ou trastornos neuromotores.
O traxe Spidersuit baséase nun dos primeiros modelos de traxe espacial cuxa función era combater a perda de ton muscular de astronautas en gravidade cero.
Utilizado para a rehabilitación, este traxe brinda soporte, corrección e estímulo para que o sistema nervioso e muscular do paciente se desenvolva dependendo das necesidades individuais de cada caso, permitindo avances en apenas unhas semanas.
O dispositivo brinda unha estabilización externa ao tronco e asiste na realización de exercicios personalizados, cuxos elementos poden ser utilizados por separado para atender zonas específicas que recibirán maior soporte e estabilidade durante a sesión.
A entidade, en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, puxo en marcha a campaña de "Traxes de Superheroes" dada a similitude do Spidersuit con traxes que lembran aos de superheroes e porque este sistema inclúe movementos que suspenden aos nenos no aire, xerando a sensación de que cos seus traxes de superheroes poden voar.
Este sistema, que custou máis de 12.000 euros, logrouse sufragar grazas á solidariedade da cidadanía galega que participa nas campañas de reciclaxe solidaria de tapóns de plástico impulsadas por Fundación Amigos de Galicia. Para iso foron necesarios máis de 47 millóns de tapóns.
Relacionadas:
-
Amigos de Galicia 'comparte ilusión' entre os usuarios do centro Amencer-Aspace
Por Redacción |
-
Trinta fotos que mostran a realidade cotiá das persoas con parálise cerebral
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A memoria de Nahír, a nena con parálise cerebral, marca novas campañas de recollida de tapóns
Por Almu Dapena |
-
Os centros de día de Amencer-Aspace terán sete novas prazas públicas este ano
Por Redacción |
-
Amigos de Galicia necesita 47 millóns de tapóns na súa campaña máis ambiciosa
Por Redacción |