Os centros de día de Amencer-Aspace terán sete novas prazas públicas este ano
Por Redacción
Os centros de día de Amencer-Aspace en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa terán sete novas prazas públicas de atención a persoas con parálise cerebral como resultado dun novo investimento de máis de 87.000 euros da Xunta de Galicia.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou estas novas prazas este venres con motivo dunha visita ás instalacións de Amencer-Aspace na rúa Iglesias Vilarelle do barrio pontevedrés de Campolongo na que destacou o "excelente traballo" que realiza esta entidade.
Fabiola García destacou que Amencer-Aspace leva 28 anos traballando para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e quixo poñer de manifesto "o traballo, esforzo e o compromiso" de todos os traballadores de Amencer-Aspace e de todas as familias de usuarios dos centros da asociación ao longo de todo este tempo.
O obxectivo destas sete novas prazas é "continuar atendendo cada día máis e mellor as persoas con parálise cerebral". A partir de agora, Amencer Aspace pasa a ter 39 prazas públicas a disposición dos galegos con parálise cerebral "para que teñan os mellores servizos prestados polos mellores profesionais". En total, a Xunta a día de hoxe destina preto de 500.000 euros a esta entidade pontevedresa.
Destas novas prazas públicas, dúas foron habilitadas no centro de Campolongo, onde a totalidade da oferta xa é pública e se incrementou o investimento en 25.000 euros; e cinco nas de Vilagarcía de Arousa, onde se destinan 62.000 euros máis para mellorar a calidade de vida de persoas con parálise cerebral e das súas familias.
Carlos Godoy, presidente de la Amencer-Aspace, acompañou a Fabiola García na súa visita xunto coa xerente da entidade, Mónica Touriño, e Pepa Pardo e María José Rodríguez Teso, do PP local de Pontevedra. O máximo responsable da organización agradeceu as novas prazas, "que eran moi necesarias".