Marín e a Universidade de Vigo asinan un convenio para "coordinar esforzos"
Por Redacción
Un acordo a catro anos para promover a cooperación entre ambas institucións e "coordinar esforzos". Así é o convenio que asinaron este venres a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.
A proximidade de Marín ao campus de Pontevedra e a presenza na Escola Naval Militar do Centro Universitario da Defensa, adscrito á institución viguesa, fan que este municipio sexa, segundo Reigosa, "un socio prioritario para nós".
Tras a rubrica do documento, o reitor salientou que a vocación como universidade é tamén "axudar ao territorio a medrar e a conseguir melloras sociais para as cidadanías", motivo polo que se amosou "encantado" das iniciativas que poidan xurdir a partir deste documento ou de posibles convenios específicos que poidan impulsarse despois deste acordo marco.
Ramallo, pola súa banda, puxo o acento en que esta iniciativa busca ir máis aló das colaboracións puntuais, para "aproveitar a enerxía que ten a universidade", poñer en valor o seu coñecemento e tentar que sexa aplicable ademais a moitas das competencias que teñen os concellos "e que redundan no beneficios dos cidadáns".
A alcaldesa salientou que este acordo "debe ser o inicio dunha extensa e longa amizade" que faga posible "poder acudir a un campus tan próximo, que pode alimentar moitas das políticas ou das estratexias que se marquen a futuro desde os concellos".
O desenvolvemento de proxectos de investigación, a organización de actividades académicas, o apoio a investigadores ou estudantes, a colaboración en proxectos culturais, a promoción de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a mobilidade do alumnado e do persoal docente constitúen nese senso algúns dos ámbitos nos que ambas institucións colaborarán.